Máis de 550 persoas inscribíronse para participar nos Campamentos Tecnolóxicos da Molinera

mércores, 20 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Os Campamentos Tecnolóxicos de A Molinera (Ourense) están a resultar un éxito de pre-asistencia. En termos máis concretos, inscribíronse na actividade máis de medio milleiro de persoas, 557 en total. Máis polo miúdo, apuntáronse 98 persoas no campamento de audiovisual; 153 no campamento de realidade virtual; 70 no campamento de arquitectura 3D; 139 no de robótica e 97 no de drons. Este mediodía o pleno do Concello acollerá o reparto das prazas a través de sorteo aberto ao público.
Amais dos devanditos, desenvolveranse 5 campamentos tecnolóxicos temáticos, con 30 prazas por campamento e unha duración de 1 semana.
Poderán participar nestas actividades crianzas nacidas entre os anos 2010 e 2003, ambos incluídos. Os campamentos englóbase no proxecto A Molinera Kids, que organizan a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, e o Concello de Ourense. Ofertan un total de 150 prazas, divididas en cinco quendas, unha por cada unha das semanas que van desde o 25 de xuño ao 27 de xullo.
O Campamento I (25 ao 29 de xuño) estará adicado aos Audiovisuais, e inclúe creación de fotografías Painting Light, edición de vídeos con Chroma Key, creación dunha curtametraxe de animación 3D e creación dun foto-cómic. O Campamento II (2 ao 6 de xullo) adicarase á realidade virtual e abrangue a creación dun mundo virtual, de animacións en 360º, dun avatar con fotografías e dun mundo con Minecraft. O Campamento III (9 ao 13 de xullo) será sobre arquitectura 3D e incorpora a creación dunha vivenda en tres dimensións, de maquetas e de son con placas Arduino. O Campamento IV (do 16 a 20 de xullo) será sobre robótica e ten as seguintes actividades: creación dun videoxogo, dun robot, dunha peza en impresión 3D e dunha estrutura Lego en 3D. O Campamento V, sobre drons, incluíra pilotaxe de vehículos aéreos, simulador e creación de radio por Internet.
As crianzas participantes en cada campamento dividiranse en dous grupos en función da idade (de 8 a 11 anos e de 12 a 15 anos).
Con estas propostas preténdese fomentar as posibilidades creativas da cativada, fomentar o traballo en equipo, a cooperación, o espírito emprendedor, o interese por descubrir e contar, xerar ferramentas de expresión que posibiliten a comunicación artística, ou motivar a aprendizaxe a través da experiencia, entre outras cousas.


PUBLICIDADE