Máis de 560 estudantes de toda Galicia participaron na Competición de Robots da EE Industrial

martes, 29 de abril do 2025 S. P.

O pasado venres 25 de abril celebrouse a nova edición, a oitava, da Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo. A cita congregou a 566 estudantes de institutos de toda Galicia, repartidos en 120 equipos. Ao longo de toda a mañá do venres implicáronse cos seus autómatas nun robot friday que comprendeu diferentes probas nas dúas modalidades: BeRobot (para ESO e Bacharelato) e DemoRobot (para FP e Universidade).
O obxectivo fundamental deste concurso, como explica o director da EEI, José Fariña, é achegar a Universidade ao alumnado do ensino secundario e Bacharelato, ademais de promocionar as titulacións da escola e fomentar o interese do alumnado polas disciplinas STEAM, máis especificamente polos estudos de enxeñaría.
Na mañá deste pasado venres os 120 equipos puxeron os seus robots en marcha sobre os tapices das probas, aínda que, como sinalaron os organizadores, a competición “comezou moito antes”, co deseño e construción e programación dos propios autómatas a partir dun kit básico, o mBot 2, un autómata educativo de última xeración impulsado por CyberPi, un microcontrolador educativo.
Nesta oitava edición da Competición de Robots da EEI (a pandemia puxo en pausa a actividade durante tres anos) participaron 36 centros de ensino das catro provincias galegas (9 da Coruña, 21 de Pontevedra, 2 de Ourense e 4 de Lugo). Do total de participantes, o 65% son mozos e o 34% mozas.
Na modalidade BeRobot inscribíronse 110 equipos en tres categorías: 26 equipos con 120 participantes de 1º e 2º da ESO; 50 equipos con 234 participantes de 3º e 4º da ESO e 34 equipos con 177 participantes de 1º e 2º de Bacharelato. Na segunda modalidade, DemoRobot, para estudantes de FP e Universidade, participaron 10 equipos con 35 participantes.
Ao longo da mañá os equipos enfrontáronse ás diferentes roldas de probas. No caso da categoría Be Robot, para alumnado de ESO e Bacharelato, cada robot debía participar en dúas probas, o Sigue-liña marchoso, con obstáculos e un lombo e Velódromo mareante, que consistía en completar o maior número de voltas ao circuíto no menor tempo posible.
Na categoría DemoRobot, para estudantes de FP e universidade, a competición comprendía catro probas, tres individuais e unha colectiva: Rastrexo (individual) que consiste en seguir un camiño marcado no chan; Labirinto (individual); Tripla penalti con illa (individual) sacar todos os obstáculos do recinto entre os paus que lle correspondan e Sumo (colectiva), na que o robot debe intentar sacar o seu opoñente do campo de xogo e evitar que o saquen a el.
Entrega de premios a mediodía
Tras toda unha mañá de competicións e fases eliminatorias, a mediodía entregáronse os premios 1º, 2º e 3º clasificado) en cada unha das diferentes categorías (1º+2º ESO, 3º+4º ESO, 1º+2º BACH e Demo Robot), ademais dos galardóns ao robot máis orixinal e o premio STEAM, que se outorga en colaboración con AER Automation (Asociación Española para la Robótica y la Automatización).
Na categoría Be Robot 1º+2º ESO, o equipo gañador foi Malvebot, do CPR Malvedo; en 3º+4º ESO gañou Furoca 1, do IES A Pastoriza e en 1º+2º BACH impúxose Furoca 1, do IES A Pastoriza. Na categoría Demo Robot o primeiro premio foi para RALIE25, do alumnado da EE Industrial. O premio á orixinalidade foi para IESEO_02, o IES Luis Seoane, mentres que o premio STEAM foi para o IES Mestre Landín. Ademais tamén se outorgou ao Brión 1 do IES Brión (1º BACH) o Premio ao fomento do talento feminino.