Máis de 60 asistentes abordaron en Santiago as transformacións que impulsa a IA no consumo

xoves, 28 de novembro do 2024 S. P.

O secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Miguel López Crespo, deu comezo este xoves 28 en Santiago de Compostela á xornada Decide o Consumidor ou a Intelixencia Artificial?: Turismo e Alimentación. O evento, celebrado no Edificio CINC da Cidade da Cultura, reuniu a expertos e profesionais para debater o impacto da Intelixencia Artificial (IA) na vida diaria, especialmente nos sectores estratéxicos do turismo e a alimentación. A cita veu da man de Consumidores de Galicia e a Xunta, co apoio de Gadisa e Telefónica.
O secretario xeral da UCGAL subliñou como estas tecnoloxías melloran a experiencia do usuario e optimizan procesos produtivos, de loxística e distribución, pero advertiu sobre os riscos éticos e a necesidade de priorizar os intereses das persoas consumidoras. López Crespo fixo fincapé na importancia de “contar con expertos para ofrecer unha análise práctica e crítica, permitindo ás persoas asistentes comprender mellor o funcionamento e a utilidade destas ferramentas”.
A continuación, o director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), Martín Alemparte, inaugurou oficialmente a xornada. Durante a súa intervención, destacou a relevancia de “promover sinerxías entre entidades e colectivos para fomentar un consumo informado e responsábel”. Alemparte aproveitou para felicitar á UCGAL polo seu esforzo e compromiso na organización da xornada, que exemplifica a colaboración produtiva entre entidades.
No marco da cooperación entre AGACAL e a UCGAL, presentouse unha guía destinada a apoderar ás persoas consumidoras no ámbito da alimentación. Este recurso práctico é en palabras das entidades “unha ferramentas para interpretar con maior claridade os etiquetados dos produtos e facilitar eleccións máis conscientes e responsábeis co foco na saúde e na sustentabilidade”.
A intervención da profesora Bertha Guijarro, catedrática da Universidade da Coruña e investigadora do CITIC, puxo o foco en explicar, de forma sinxela e práctica, como funciona a IA e que impacto real está a ter no día a día. O seu relatorio serviu como base para os debates posteriores.
Pola súa parte, Víctor Salgado, avogado especialista en novas tecnoloxías, abordou os retos éticos e normativos que presentan as ferramentas intelixentes no marco legal europeo. Salgado advertiu sobre o risco que representa a falta de transparencia na xestión de datos persoais e a capacidade da IA para “persuadir” e “alucinar,” inventando información sen fontes verificábeis. Subliñou que a IA xa “hackeou o sistema operativo do ser humano: a linguaxe,” destacando a urxencia de combinar o desenvolvemento tecnolóxico coa protección dos dereitos fundamentais. “Somos os xuristas os que debemos liderar a defensa dos dereitos das persoas fronte a estes desafíos,” afirmou, facendo un chamamento á responsabilidade compartida entre profesionais e usuarios.
Casos prácticos e experiencias reais no turismo e a empresa
A mesa redonda sobre IA e turismo, moderada por Pedro Tasende (Aporta Comunicación), reuniu expertos como Sara Collazo (Torres y Carrera), Fabián Buezas (Interrías), Mar Rodríguez (Tee-Travel) e Manuel Veloso (Clúster de Turismo de Galicia) para analizar o impacto da IA no sector e o seu futuro.
Manuel Veloso destacou o peso crecente da comercialización dixital no turismo e subliñou a aposta do Clúster por potenciar a canle tradicional como complemento esencial. Fabián Buezas sinalou que Interrías está mergullada nun proceso de dixitalización e canalización de datos, resaltando que a IA será clave para mellorar e posicionar as empresas no mercado. Mar Rodríguez destacou a benvida de todas as ferramentas tecnolóxicas, mentres Sara Collazo puxo o foco nos retos éticos e na falta de cultura do dato entre os consumidores.
Os relatores coincidiron na necesidade de combinar innovación tecnolóxica cun uso ético e responsábel, garantindo que a IA beneficie tanto ás empresas como ás persoas consumidoras. A mesa pechou destacando o potencial da IA como ferramenta transformadora no sector turístico.
Trala mesa redonda, a xornada avanzou coa intervención de José María Borrero, de Telefónica de España, quen destacou a pegada da IA en áreas como a saúde, a educación e o ámbito social, e advertiu sobre os riscos que require xestionar, como a desigualdade social, os deepfakes, os nesgos nos algoritmos e as ameazas á privacidade. Subliñou a necesidade de equilibrar innovación e ética para garantir o respecto aos dereitos dos consumidores. “O futuro da IA non está nas mans das máquinas, está nas nosas,” afirmou, enfatizando a importancia da responsabilidade colectiva para un desenvolvemento tecnolóxico sostíbel e inclusivo.
O debate continuou coas presentación da aplicación da IA no ámbito empresarial, aquí os relatores presentaron proxectos innovadores que demostraron como a IA pode mellorar tanto a eficiencia como a sustentabilidade das empresas. Alejandro Alonso, de Telefónica, debullou o uso da innovación e da loxística intelixente conectada, explicando a metodoloxía de tres pasos que están a empregar para desenvolver solucións baseadas na IA. Pola súa parte, Adrián Domínguez, de Triple Alpha, destacou como están a axudar ás pemes galegas a través da aplicación desta tecnoloxía, exemplificando o seu impacto con varios casos prácticos que evidencian o potencial da IA para fortalecer o tecido empresarial local. Finalmente, Yago González, de Plexus Tech, falou sobre a innovación e o uso da IA aplicados aos sectores produtivos, detallando os distintos servizos da súa área especializada en Intelixencia Artificial.
Os Diálogos de Consumo sobre a IA e os Alimentos puxeron o broche final á xornada, cunha análise sobre a influencia da IA na industria alimentaria. Moderados por Miguel Vieito Villar, participaron Rafael Urrialde, da Universidade Complutense de Madrid, e Joan Miró, de KRAZ, para reflexionar sobre temas como os etiquetados, a produción e a influencia dos dark patterns no comportamento das persoas consumidoras.
Entre os puntos destacados, abordouse como a IA pode revelar patróns de consumo non observábeis a simple vista e se estas tecnoloxías están a condicionar ou manipular as decisións das persoas. Ante as preguntas lanzadas polo moderador (“é o consumidor realmente libre para elixir?”), Urrialde respondeu que “aínda que as decisións son libres, están sempre condicionadas por influencias externas”. E engadiu: “O consumidor non é completamente libre, pero é sabio e vai aprendendo. O importante é que estea informado para poder tomar decisións conscientes”.
A conversa concluíu destacando a importancia de ofrecer información clara e transparente para apoderar ás persoas consumidoras, tendo en conta a diversidade de perfís de consumidores e as súas necesidades específicas. Estes debates puxeron de manifesto a relevancia de garantir un uso ético da IA no sector alimentario.
Para pechar a xornada, Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, destacou as accións que se están a levar a cabo desde a entidade que representa para fomentar a integración da IA no sector. Subliñou que “a IA é unha ferramenta poderosa e o turismo é un dos ámbitos onde máis se está a desenvolver.” Merelles insistiu na importancia de non ficar alleos a esta realidade e de traballar activamente para incorporala ao sistema produtivo galego, asegurando que a súa aplicación se leve a cabo de forma ética e eficiente para maximizar os beneficios para o sector e a sociedade en xeral.
Con máis de 60 asistentes e unha ampla participación activa de profesionais e público xeral, a xornada consolidouse como “un punto de referencia no debate sobre a IA e o consumo na era dixital”, sinalaron as entidades organizadoras.