Máis de 620 nenas e nenos participaron na edición galega da Hora do Código

luns, 26 de decembro do 2016 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) participou activamente este mes de decembro na celebración galega da Hora do Código, unha iniciativa internacional de Code.org para celebrar as vantaxes e beneficios da programación como recurso e materia de ensino. Segundo informa a entidade que preside Fernando Suárez, as actividades desenvolvidas resultaron ser un notábel éxito, tanto a nivel de participantes (nenas e nenos de entre 3 e 17 anos) finalmente convocados como no que atinxe ao alto número de voluntarios do CPEIG que colaboraron nas xeiras de traballo e divulgación.
As actividades, como recordaremos, desenvolvéronse en diversos centros escolares e máis na Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da Universidade de Vigo (Campus de Ourense) e da Facultade de Informática (FIC) da Universidade da Coruña. Tanto a ESEI como a FIC xuntaron forzas co CPEIG para conseguir que a edición galega da Hora do Código tivese a máxima repercusión.
A respecto do devandito, o CPEIG fixo un balance “moi positivo” das actividades desenvolvidas (todas elas de balde), do número de asistentes e da boa acollida por parte das cativas e cativos. En total, a organización estima que uns 622 nenos e nenas asistiron ás charlas e obradoiros nos centros de ensino e nas dúas facultades durante estas semanas de difusión da Hora do Código.
En canto aos centros escolares, os voluntarios do CPEIG visitaron os seguintes: CEIP Curros Enríquez de Celanova; CPR Sagrado Corazón de Celanova; CEIP Virxe da Pena da Sela do Irixo; IES San Mamede, Maceda; EIP de Vistahermosa, en Ourense, e CEP de Ventín, Milladoiro-Ames. Uns 400 rapaces asistiron a estas xornadas programadas polo CPEIG.
O obxectivo da iniciativa foi “estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñecesen os conceptos e o mundo no que viven, unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o ocio á educación”, informou a entidade profesional.
Respecto da ESEI de Ourense, a celebración focalizouse na xornada do 13 de decembro, contando coa colaboración do CPEIG. Houbo obradoiros do máis variado (unha hora de código para os máis pequenos, robótica para o alumnado de ESO e Bacharelato, impresión 3D para todas as idades e obradoiros de drons para alumnado de Bacharelato) e en total conseguiuse a participación de 142 nenas e nenos de entre 6 e 17 anos de idade, máis 60 acompañantes adultos. No acto de benvida aos asistentes participaron Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo; Francisco Javier Rodríguez Martínez, director da ESEI e tesoureiro do CPEIG; e Juan Otero Pombo, vicepresidente do CPEIG.
No que atinxe ás actividades desenvolvidas o día 13 na Facultade de Informática da Coruña, concorreron 80 nenos e nenas de entre 8 e 14 anos, dando os seus primeiros pasos (formativos, divulgativos e tamén lúdicos) na computación e na programación, axudados por voluntarios de distintos centros da UDC e do CPEIG.
A Hora do Código é un evento promovido desde o ano 2013 pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. Trátase dunha iniciativa internacional que consiste nunha introdución dunha hora de duración ás ciencias da computación, deseñada, en palabras do CPEIG, “para que todo o mundo poida aprender a programar e así comprender os fundamentos básicos desta disciplina”. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg.

PUBLICIDADE