Máis de 7.000 mozos galegos xa se benefician do bono para as súas compras de cultura física e dixital

martes, 6 de agosto do 2024 S. P.

A Delegación do Goberno en Galicia fixo balance este mes de agosto das posibilidades para acceder á cultura que brinda o Bono Cultural para a mocidade. Esta medida do Ministerio de Cultura recibiu 7.112 solicitudes ata o mes de xullo en Galicia, que supoñen o 29,9% dos potenciais beneficiarios. Así se recolle no balance Cumprindo, que repasa os compromisos cumpridos polo Executivo desde o inicio da presente lexislatura.
A solicitude deste Bono Cultural pódese levar a cabo desde este xuño, finalizando o prazo o 16 de setembro. A axuda supón recibir 400 euros para gastar en cultura, en calquera das industrias e negocios culturais, estando dotado o programa a nivel nacional de 210 millóns de euros.
A partir da concesión da axuda, os mozos dispoñen dun ano para utilizar os 400 euros en produtos ou servizos culturais nos establecementos adheridos. O Bono Cultural funciona cun cartón de pago previo que o beneficiario pode ter de forma virtual no seu móbil ou recibir de forma física no seu domicilio. Con esa tarxeta a persoa usuaria pode gozar de experiencias e produtos culturais, que se dividen en tres tramos para favorecer a diversificación do gasto, coa seguinte distribución:
-100 euros para produtos físicos, por exemplo, libros, prensa ou discos.
-100 euros para produtos dixitais, como subscricións a plataformas, prensa dixital, podcast ou videoxogos en liña.
-200 euros para artes escénicas: teatro, ópera, cinema, danza, museos...
O obxectivo do Ministerio de Cultura con este Bono ten un dobre impacto, achegando beneficios tanto para os petos da xente nova como para as industrias culturais. O Goberno destaca que na pasada edición o seu alcance multiplicásese tanto no número de beneficiarios como no de entidades e comercios adheridos.
A campaña do 2023
O Bono Cultural para a xuventude que emite o Ministerio de Cultura chegou no 2023 ao 66% dos mozos e mozas galegos que partían como posíbeis destinatarios, 15.339 persoas en total duns 23.149 potenciais, todas nadas no ano 2005. Na súa primeira edición, no ano 2022, o Bono Cultural inxectou 1,9 millóns de euros nas industrias e comercios culturais da Comunidade a través das 50.000 operacións de compravenda que se fixeron ao seu cargo.
En total, un de cada dous mozos galegos que tiñan dereito a este bono beneficiáronse del en 2022.