Máis de 70 aulas de informática dos tres campus de Vigo, listas para o comezo das clases
venres, 18 de setembro do 2020
A
Universidade de Vigo vén de facer balance dos seus equipamentos
tecnolóxicos ante o inminente inicio do curso, a partir do luns da
semana que vén. Trátase por unha banda de comprobar que as
infraestruturas TIC estean a punto e, tamén, que comece o curso
académico coas mellores garantías de seguridade para toda a
comunidade universitaria. Segundo
fan saber dende a dirección da Uvigo, a totalidade das súas aulas
de informática (máis de 70 nos tres campus: Vigo, Pontevedra e
Ourense) estarán preparadas, a partir do luns, para comezar o curso
nas máis óptimas condicións.
A
Universidade de Vigo engade que “as persoas usuarias poderán
empregalas tanto para o estudo como para as prácticas con total
seguridade tras adaptalas ás normas e protocolos sanitarios
derivados da pandemia da COVID-19”. Segundo explica o vicerreitor
de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, “nas aulas
con suficiente espazo optouse por separar as mesas garantindo unha
distancia mínima de 1,5 metros, pero na maioría decidiuse instalar
anteparos transparentes que permiten o uso individualizado dos
ordenadores e a optimización dos recursos respectando as medidas
hixiénicas”.
En
total, son arredor de 70 salas de informática nas que se están a
instalar os anteparos e máis de 1500 postos os que contarán con
esta protección que estarán a disposición do alumnado a partir
deste luns 21, cando arranca oficialmente o curso académico.
Por
outra banda, apunta o vicerreitor, tamén se decidiu reducir a
capacidade dalgunhas salas “ao 75% do aforo para incrementar a
seguridade”. Ademais, “o uso da máscara é obrigatorio en todas
as instalacións universitarias en todo momento e, antes de entrar
nas aulas, as persoas usuarias deben lavar as mans utilizando auga e
xabón ou hidroxel”.
No
caso de usar os computadores da aula, “deberase colocar un filme
plástico sobre o teclado e o rato e, unha vez rematada a sesión,
esta protección de debe retirarse e depositarse nas papeleiras con
tapa situadas para tal efecto”.