Máis de duascentas persoas participan no CITIC da UDC no I Simposio en IA Verde
martes, 25 de novembro do 2025
Este martes 25 de novembro arrincou na Coruña o I Simposio en Intelixencia Artificial Verde, unha iniciativa impulsada pola Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes, que se celebra este martes e mércores, 25 e 26 de novembro de 2025, no CITIC da Universidade da Coruña, centro que forma parte da Rede CIGUS. A premisa de partida do evento non é outro que a busca de fórmulas que fagan compatible o avance da IA coa urxencia climática. “A nova onda de IA verde non só busca ser intelixente, senón tamén sostible”, adiantaron dende o CITIC.
Máis de 200 persoas participan neste simposio, que se desenvolve en modalidade híbrida, combinando sesións presenciais e acceso virtual para participantes remotos. Na xornada deste martes 25 de novembro participou a secretaria de Estado de Dixitalización e IA do Goberno de España, María González Veracruz; Javier Monteoliva Díaz, secretario xeral e do Consello de Administración de Inditex; xunto ao reitor da UDC, Ricardo Cao, o director do CITIC, Manuel G. Penedo e a propia directora da Cátedra Inditex-UDC en Algoritmos Verdes, Verónica Bolón.
O simposio nace co “obxectivo de crear un espazo de encontro entre comunidade investigadora, sector empresarial e institucións para abordar os desafíos actuais da intelixencia artificial desde unha perspectiva da sustentabilidade e o compromiso ambiental”. Nun contexto no que o cambio climático afecta de maneira transversal ás sociedades, e no que a actividade computacional, incluíndo modelos de IA e centros de datos, representa xa unha fonte significativa de emisións de gases de efecto invernadoiro, a Cátedra aposta por un enfoque multidisciplinar e cooperativo.
Retos ambientais, sociais e éticos no seu desenvolvemento
Ao longo destas xornadas, o persoal experto abordará distintos retos, entre eles Amparo Alonso, investigadora do CITIC, quen falou sobre os desafíos medioambientais que implica a IA. Na súa intervención presentou dúas vías complementarias: o enfoque Green-In, centrado no deseño de modelos máis frugais e eficientes, e o enfoque Green-By, que analiza como a IA pode contribuír directamente á sustentabilidade social e ambiental.
A través de modelos baseados en axentes, explorouse como a confianza cidadá, a comunicación institucional e a influencia social condicionan a aceptación de políticas públicas respectuosas coa medio natural. “Esta visión integrada permite avanzar cara a unha IA verdadeiramente sostible: enerxeticamente eficiente, socialmente aceptable e orientada a xerar valor co mínimo impacto posible”, sinalou a propia Amparo Alonso.
Por outra banda, a segunda intervención convidada do simposio foi a de Ricardo Vinuesa, profesor e investigador do Artificial Intelligence Group da University of Michigan, quen abordou o papel da IA no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Segundo a súa análise, a IA pode axudar a acadar 134 metas dos ODS, aínda que tamén pode dificultar 59 delas. Vinuesa destacou “a importancia de acompañar o rápido avance da IA con supervisión regulamentaria e estándares éticos para asegurar que contribúa a un desenvolvemento sostible”.
Na sesión do mércores 26 intervirán Mar Santamaría Varas, arquitecta e co-fundadora de 300.000 Km/s; e Jorge Castellanos Claramunt, profesor de Dereito Constitucional na Universidade de Valencia.
Premios para investigacións sobre IA e sustentabilidade
Tamén na xornada do mércores o simposio contará coa representación da Secretaría de Estado de Dixitalización e IA. David Gómez Cordero, xefe de área da Dirección Xeral, presentará o Programa Nacional de Algoritmos Verdes.
Ademais das intervencións de expertos e expertas, o encontro conta coas contribucións de investigadores e investigadoras, profesionais e estudantes interesados no potencial da IA para a sustentabilidade. Un total de 36 traballos presentáronse á convocatoria do simposio, 17 comunicacións e 19 pósteres, no que se recoñecerán os mellores presentados. Así, os participantes optan aos seguintes premios: Green-in á mellor contribución sobre algoritmos enerxeticamente eficientes ou que reduzan a pegada de carbono da IA; Green-by á mellor contribución que empregue a IA como ferramenta para a sustentabilidade ou para aplicacións con impacto positivo no medio ambiente, eficiencia enerxética ou planificación urbana; e Premio ás Implicacións Éticas, Sociais e Económicas, á mellor contribución que aborde de xeito crítico e rigoroso os aspectos éticos, sociais ou económicos vinculados aos algoritmos verdes. Estes recoñecementos entregaranse na sesión de clausura do simposio.
