Máis de 1.000 galegas sumáronse xa ao programa Formación Dixital de AMTEGA

xoves, 30 de xaneiro do 2025 S. P.

A axencia AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) vén de facer un balance da actividade xerada polo programa de capacitación tecnolóxica Formación Dixital, destinado a achegar competencias no uso de novas ferramentas, programas, servizos e dispositivos. Segundo informou, máis de 1.000 galegas xa se sumaron a este programa gratuíto da Xunta, co que poderán certificar as súas competencias dixitais.
O obxectivo do programa destinado a máis de 45.000 persoas a partir dos 14 anos, é impulsar a alfabetización da sociedade galega no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030, facilitando ferramentas para que os cidadáns e cidadás consigan a capacitación dixital necesaria para desenvolverse con seguridade.
O curso de nivel intermedio, ten as inscricións abertas a través da web de Formación Dixital. A duración máxima é de 10 semanas, nas que se ofrecen contidos teóricos e actividades prácticas “de forma sinxela e titorizada”, explicou AMTEGA, engadindo que o alumnado dispoñerá de sesións simultáneas de acompañamento con especialistas para resolver dificultades e retos. Para a súa finalización os participantes terán que aprobar de maneira obrigatoria o 80% das actividades avaliativas.
Ademais dun test de autodiagnóstico e unha avaliación final, o curso traballa 5 bloques temáticos: Consulta e xestión da información dixital; Comunicación e colaboración; Creación de contidos dixitais, Benestar dixital: seguridade e protección e Contorna dixital e resolución de problemas.
A formación é totalmente gratuíta para o alumnado, xa que está financiado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (Next Generation da Unión Europea) e ademais, servirá de base para preparar a Certificación Galega de Competencias Dixitais (ComDix).