Máis de medio millón de españois atoparon emprego por Internet no último ano
luns, 6 de agosto do 2007
Segundo un informe da axencia EFE, ó longo do pasado ano, máis de medio millón
de españois atoparon traballo grazas ós servizos de pesquisa laboral dos
diferentes portais que funcionan na web, levando a España a ser o país de
Europa con maior predominancia no sector da procura de traballo en liña.
A pesares de que a meirande parte dos usuarios
rexistrados empregan portais coma infojobs
para atopar o seu primeiro emprego, moitos outros acoden a estes sitios para tentar
mellorar as súas condicións laborais actuais, xa sexan de índole profesional ou
remunerativas.
En canto ó denominado “perfil dos solicitantes”,
a axencia de noticias do estado asegura que preto do 70% das persoas inscritas
nos distintos portais posúen títulos
superiores ou de formación profesional, e os candidatos amosan maior interese
polos sectores do turismo, a administración de empresas, a restauración e a
atención o cliente, áreas nas que sempre hai unha considerable demanda de
persoal.
Coma era de agardar, as comunidades autónomas
nas que máis uso se fai destas novas tecnoloxías son Madrid e Cataluña, onde
case un 30% da poboación recorre a elas. A media no resto do estado baixa até
case a metade, cun 18,5 % da poboación que emprega a Rede como ferramenta de
procura de emprego.