Máis de seis millóns de ordenadores en todo mundo están doentes

mércores, 21 de marzo do 2007 Raquel Noya

Podemos enfermar nós, pódenos enfermar a mascota, tamén pode enfermarnos o Tamagochi (dos que aínda o conserven) ou calquera animaliño virtual, e agora tamén o ordenador. Máis que nunca os virus e vermes cibernéticos están a atacar ós nosos PCs, sen que poidamos facer case nada para evitalo. Polo menos así o asegura unha das empresas que máis adoita a lanzar mensaxes catastróficos ó respecto. Segundo un estudo sobre as ameazas da Rede que vén de presentar Symantec, máis de seis millóns de ordenadores en todo o mundo, están infectados.
España ocupa nada menos que o cuarto lugar entre os países da rexión EMEA (Europa, Oriente Medio e África) nos que se detectou unha maior actividade de ameazas na Rede, como páxinas de phishing, spam, servidores controlados por redes bots, virus...
O feito de que o noso PC estea doente e nós non o saibamos, sitúanos no ollo do furacán en favor daqueles grupos de delincuentes que operan en liña, ben roubando ou apoderándose de información confidencial como datos de tarxetas de crédito, números PIN persoais, identificadores da seguridade social ou listaxes de enderezos de correo electrónico que logo aproveitan para beneficio propio ou para vender no mercado negro.
Symantec organizou por primeira vez un seguimento da comercialización da información roubada ós usuarios e viu que os hackers e organizacións criminais usan algúns servidores para vender estes datos e que un 51 por cento deles se localizan en EE UU.
O estudo tamén sinala que nos últimos meses incrementouse a sofisticación dos ataques para cometer fraudes e para o envío de mensaxes non solicitadas a través da Rede. Ó longo da segunda metade de 2006, este tipo de mensaxes representou o 59 por cento de todo o tráfico de correo electrónico monitorizado e un 30 por cento destas mensaxes estaba relacionado co sector dos servizos financeiros.
Os investigadores de Symantec advertiron asemade un incremento do 6 por cento do phishing (outra técnica para captar información confidencial dos usuarios) o que supón actualmente o envío dunha media de 904 mensaxes diarias en todo o mundo.

PUBLICIDADE