Máis detalles sobre o Fogar Conectado de Blusens

xoves, 17 de decembro do 2009 Marcus Fernández

Onte comentabamos que Blusens presentaría en Madrid oficialmente o seu agardado Blu:brain, e agora dende Xataka detallan as novidades do fabricante de electrónica de consumo galego, desvelando certas incógnitas sobre o que prometía converterse no produto estrela de Blusens, coma o feito de que o concepto de Fogar Conectado centrado no Blu:brain vai estar complementado polo servidor de ficheiros cunha capacidade de 1 Tb, Server Box NAS, e adaptadores PLC para comunicar os equipos multimedia a través da instalación eléctrica do fogar.

O PLC permite conectar dispositivos en rede aproveitando a instalación eléctrica doméstica

Onte comentamos que o Blu:brain sairía á venda o 15 de febreiro a 399 euros, pero agora podemos engadir que o Server Box NAS de 1 Tb que permitirá suplir o reducido espazo de disco do Blu:brain venderase a 269 euros, mentres que un par de adaptadores PLC venderanse empaquetados por 119 euros, polo que esta solución multimedia que promete ser sinxela distaría bastante de resultar ao alcance de todos os petos.
Pero as novidades non quedarán aí, e para o segundo semestre de 2010 Blusens tamén agarda comercializar a WebBox, un dispositivo de tamaño máis reducido e con sintonizador de TDT de alta definición que estaría pensado coma un segundo posto de conectividade no fogar, así coma tamén preparan un televisor LCD con conectividade integrada.
Para alimentar de contidos todo isto, non só podemos realizar descargas da Internet e gravación da TDT, senón que Blusens a través de blu:generation vai comercializar películas, series e outros programas de televisión, nun servizo que actualmente está en probas, e que combinará contidos de balde e premium, aínda que haberá que agardar para coñecer os detalles desta oferta de contidos.

PUBLICIDADE