Máis do 40% dos clientes dixitais de Abanca xa validan pagos e transaccións co seu servizo Chave

luns, 20 de xaneiro do 2025 S. P.

Abanca vén de facer balance do nivel de implantación do seu servizo Chave, cada vez máis presente no día a día dos seus clientes. Segundo fixo saber a entidade financeira galega, máis do 40% dos seus usuarios dixitais xa validan os pagos e outras transaccións importantes na súa banca móbil sen utilizar contrasinais grazas ao servizo.
Abanca salienta que entre as vantaxes do sistema atópase a seguridade dixital que pon en xogo fronte a tentativas fraudulentas de suplantación, “xa que permite aos usuarios verificar a súa identidade facilmente e de forma segura, sen necesidade de comprometer as súas claves persoais de banca a distancia nin de confirmar a través de contrasinais dun só uso por SMS”.
Chave ABANCA utiliza a avanzada tecnoloxía criptográfica de chaves de acceso (tamén coñecida como Passkey, en inglés), unha medida de seguridade para a identificación dixital dos usuarios que segundo lembra a entidade galega “está abandeirada polos principais operadores tecnolóxicos”.
A entidade tamén lembra que foi a primeira banca do ámbito estatal e unha das primeiras de Europa en incorporar este sistema na súa banca móbil para achegar aos clientes un compoñente adicional de seguridade nas súas operacións dixitais. “Esta protección extra, unida á rápida activación do servizo na aplicación móbil e á súa facilidade de uso, foron determinantes para conseguir que catro de cada dez usuarios xa utilicen este servizo para verificar os seus pagos e envíos de diñeiro desde a súa banca móbil”, sinálase no balance, no que se engade que Chave ABANCA está dispoñíbel na app de banca móbil da entidade.
Para empregar o sistema, o usuario pode configurar o servizo como ferramenta de autenticación para todas as operacións importantes (envíos de diñeiro mediante transferencias, Bizum ou a través de caixeiros; creación de tarxetas virtuais, consulta do CVV da tarxeta…) ou só para momentos puntuais. Unha vez activada, a chave de acceso validará as operacións bancarias “de forma sinxela, áxil e segura”. De feito, o cliente só terá que confirmar a súa identidade mediante a súa pegada dactilar ou recoñecemento facial. “O sistema garante a privacidade dos datos biométricos do cliente, xa que estes están gardados no seu teléfono móbil e unicamente el ten acceso aos mesmos”, salienta Abanca, que recomenda a todos os seus clientes dixitais a activación “deste innovador servizo como alternativa máis rápida e segura que o dobre factor de autenticación mediante códigos únicos”.
Chave Abanca baséase na tecnoloxía de claves de cifrado, un estándar de autenticación creado polo Consorcio World Wide Web e a Alianza FIDO (Fast IDentity Online), que promoveron e incorporaron algunhas das compañías tecnolóxicas líderes no mundo, como Apple, Google, Microsoft, Samsung, Amazon, Visa e Mastercard, entre outras.