Máis do 60% da sociedade galega dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas

xoves, 20 de novembro do 2025 S. P.

O INE publicou o novo informe de Fogares e as TIC e nel figuran datos de gran interese relativos á nosa terra. Segundo destaca destes datos o observatorio OSIMGA (AMTEGA), o 61,4% dos galegos e galegas dispón de competencias básicas ou avanzadas e o 37,7% conta con competencias dixitais avanzadas, a menos de dous puntos da media estatal, situándose no oitavo lugar entre as comunidades autónomas. No estudo tamén se di que o 92,5% dos galegos e galegas de 16 a 74 anos usan Internet e o 56,7% mercou en liña nos últimos tres meses, un 5,8% máis que o ano anterior e a menos de 3 puntos da media estatal (59,6%).
A maiores, destácase que aumentou un 60,7% as persoas de 65 a 74 anos que compran por Internet, e un 37,3% na franxa de idade dos 55 aos 64 anos, moi por riba da media do Estado, que non acada o 7% en ningún dos dous casos.
Respecto á conexión a internet, o 96,5% das vivendas teñen contratado este servizo, situándose por primeira vez a menos dun punto da media estatal (97,4%).
O informe tamén reflicte que medrou por riba da media estatal o uso de Internet entre as persoas de máis idade, nun 16,1% entre os maiores de 64 anos, que só aumentan o 3,5% no total do Estado. Ademais, a enquisa do INE sinala que xa accede a internet máis do 92% das persoas maiores de 54 anos e o 81,3% dos maiores de 64.
Por outra banda, o 54% de galegos e galegas utilizaron algún tipo de identificación electrónica para acceder a servizos online, concretamente o 49,9% para acceder a servizos públicos, e o 19,7% utilizou identificación electrónica para acceder a servizos privados.
Engádese que o 12,8% da poboación galega ocupada teletraballou no último ano, o que supón un crecemento máis de dous puntos respecto a 2024 e sitúa a Galicia na sexta posición na clasificación do Estado.
O 80,5% dos fogares galegos dispoñen de ordenador. Neste punto, Galicia pasou de estar a preto de 10 puntos da media estatal en 2020 a estar a só 3,3 puntos. No 54,5% dos fogares hai tabletas, unha cifra similar á media estatal (56,5%).
O 96,5% dos fogares galegos contan con conexión a internet, subindo de novo máis que o Estado no último ano, “o que sitúa á Comunidade, por primeira vez, a menos dun punto porcentual da media estatal (97,4%)”, salienta o OSIMGA, engadindo que “tanto nos concellos grandes como nos pequenos supérase o 94,5% de fogares con conexión á Rede”.
Ademais o 78,4% da poboación de 16 a 74 empregou algunha páxina web ou aplicacións das Administracións Públicas, e o 39,2% descargou formularios.
No que atinxe ao uso de servizos relacionados coa administración, no último ano o 63,2% de galegos e galegas concertou citas por Internet cun servizo médico, superando en máis dun punto a media estatal (61,9%), e o 44,5% accedeu a información sobre servizos ou impostos a través da Rede, que se aproxima a menos de 2 puntos da media estatal (46,4%).