Máis do 64% de Ribadumia conta xa con cobertura de fibra óptica de Movistar

luns, 11 de outubro do 2021 S. P.

Telefónica vén de facer balance dos seus traballos para dotar a Ribadumia de FTTH, polas súas siglas en inglés Fibra Óptica Até o Fogar. Segundo fai saber, un total de 2.139 vivendas e locais do concello pontevedrés contan xa con cobertura desta tecnoloxía, o que supón, segundo informa a operadora, “máis do 64% do municipio”.
Concretamente, as unidades inmobiliarias en cobertura atópanse nos núcleos de Caponiñas, Molinos nuevos, O Casal, Couto de Arriba, Bouza, Revolta, Rial, Barreiro, Leiromeán, Piñeirón, Ponte Arnelas, Costa, Bouciña, Cruz, Xesteira, Muiños, Cabanelas, Freixo, Mamuela, O Rabadeiro, Cruceiro Vello, Poxafeita, Barroso, Carrasqueira, Mosqueiro, Sisangandara, Taboeiros, A Lomba, Barrantes e Escusa, estes dous últimos con cobertura ao 100%.
A posta en cobertura destes fogares, que xa foi comunicada ao alcalde do municipio, David Castro, significa que “poderán gozar da fibra óptica de Movistar, que ofrece voz con alta calidade nas chamadas e máxima velocidade de conexión a Internet en varios dispositivos (computador, tablet, móbil) simultaneamente sen reducir velocidade de conexión, entre outras vantaxes”, explicou Telefónica, engadindo que de dispoñer o usuario beneficiado do servizo Movistar+, terá acceso a canles de alta definición e poderá gozar dos seus contidos mentres navega por Internet. Igualmente conseguirá a máxima velocidade e resposta nos xogos en rede.
O despregamento nos novos fogares agora en cobertura está impulsado polo Ministerio de Economía a través do Plan Nacional de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración – PEBANG. Encádrase polo tanto nos traballos de mellora de cobertura de Telefónica derivados da colaboración público-privada, un ámbito no que a empresa investiu nos últimos cinco anos 420 millóns de euros (na nosa terra). Na provincia de Pontevedra, explican fontes da compañía, “máis de 250.000 fogares e negocios poden gozar xa da fibra óptica de Telefónica, o que supón máis do 67% da poboación”.

PUBLICIDADE