Máis do 84% dos concellos emprega software libre no seu equipamento tecnolóxico
luns, 31 de marzo do 2025
O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) compartiu os datos principais do informe bianual O software libre nos concellos de Galicia, publicado neste remate de marzo. Segundo se fai saber na investigación, o 84,1% dos concellos dispón de programas non privativos nalgún equipo informático, ben nos computadores de usuario, ben nos seus servidores.
No informe tamén se di que o software libre ten maior implantación nas aplicacións de computador, coas que contan o 51,5% dos concellos, mentres que a presenza nos servidores sitúase no 46,4% das entidades locais.
No que atinxe ao emprego deste tipo de ferramentas segundo o tipo de aplicación, o informe sinala que nos antivirus a maiorÃa é privativo (75,2%), mentres que o 37,3% de concellos dispón de navegadores só de licenza libre e o 31% conta, tamén, cun xestor de correo electrónico exclusivamente libre.
No que respecta ás aplicacións especializadas nas distintas áreas e funcións municipais, nas que máis está presente o software de licenza libre é en sistemas de información xeográfica (47,1%), obras (37,3%), urbanismo (37,1%) e contratación (35,1%).
O 52,5% dos concellos de Galicia que contan con xestor de contidos de portais e páxinas web opta polo software de licenza libre e o 57,6% dos dispoñen de portal corporativo con documentos descargábeis, emprega exclusivamente estándares abertos.
En canto ás razóns para non implantar este tipo de software, o argumento que apunta o 36,8% dos concellos é a complexidade ou risco de cambio.
A investigación destaca que a principal acción que se demanda dende os concellos para a promoción do software libre é a formación aos usuarios nesta materia, concretamente o 74,1% das entidades locais, se interesan por esta capacitación.
A maiorÃa dos concellos opina que o software libre manterá o uso que posúe na actualidade, alo menos durante os vindeiros dous anos.