Máis do 85% dos fogares galegos teñen contratado servizo de acceso á Rede

venres, 26 de xullo do 2019 Redacción

O 85,6% dos fogares galegos ten un servizo de Internet contratado, segundo se recolle no estudo A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2018, publicado hoxe polo OSIMGA. Esta porcentaxe supón un incremento dun 20% respecto ao ano 2015, o dobre que o rexistrado no conxunto do Estado no mesmo período de tempo.
O informe amosa que o crecemento na contratación de conexións de acceso á Internet rexístrase especialmente nos núcleos de menos habitantes. Así nas entidades de poboación con menos de 5.000 persoas, a porcentaxe de fogares con servizo de Internet sitúase no 69%, fronte ao 54,4% de 2015; e nos núcleos de 5.000 a 10.000 habitantes o 81% do fogares dispoñen deste servizo, fronte ao 65,5% rexistrado tres anos antes.
Cómpre destacar como a convivencia con nenos eleva, considerablemente, a porcentaxe de contratación de Internet. O 99% dos fogares con nenos en idade escolar teñen internet contratado mentres que nos fogares sen nenos a porcentaxe descende ata o 81,4%.

Máis uso da Internet

No 2018 amén aumenta a porcentaxe de usuarios da Internet, que acada o 80%, 10 puntos máis que tres anos antes. Neste indicador destaca o incremento rexistrado entre os maiores 65 anos, dos cales un 34,8% accederon á Internet en 2018, mentres que en 2015 esta porcentaxe non superaba o 21%. Aumenta, tamén, o uso entre as persoas de 55 a 64 anos, que pasa dun 50% en 2015 a máis dun 67% en 2018.
Este incremento é especialmente significativo en Galicia, onde máis do 25% da poboación ten máis de 65 anos. Nas restantes franxas de idade, os galegos igualan ou superan a media estatal no uso da rede con valores por riba do 96%,agás na franxa dos 45 aos 55 anos que se sitúa nun 88,8%, só a 2 puntos de distancia da media do Estado.
Ao igual que na contratación, a convivencia con nenos incide significativamente no uso da Iternet. Así, nos fogares con nenos en idade escolar obrigatoria a porcentaxe de uso sitúase no 93,5% mentres que nos fogares sen nenos descende ata o 75,3%.

Dispositivos, usos e aplicacións móbiles

O móbil desbanca ao portátil para acceder á Rede. O 98,2% dos fogares galegos empregan o teléfono móbil para conectarse á Internet, mentres que o ordenador portátil é empregado polo 65,8% dos fogares.
Aos usos habituais da Rede, como a busca de información ou o envío de correos electrónicos, súmanse novos usos como a banca electrónica, que empregan o 58,9 dos galegos ou os espazo de almacenamento na nube, aos que recorren o 46,5% dos internautas.
O 76,5% da poboación que utilizou Internet empregou redes sociais nos últimos tres meses, destacando as orientadas á comunicación e ao intercambio de mensaxes (WhatsApp, Telegram, Skype...), de modo que a actividade máis estendida en redes é a de chatear e/ou enviar mensaxes.
En canto ás aplicacións no móbil, as máis empregadas polos galegos son as redes sociais, ás que acceden o 95,6% dos galegos con smartphone, seguidas das de metereoloxía cun 71% de usuarios e as de banca electrónica cun 53%.

Roupa e viaxes, as compras en liña preferidas

O 46,6% dos internautas fixo algunha compra a través da Rede nos últimos tres meses. Entre os produtos e servizos adquiridos destacan a roupa e complementos (52,3%), produtos e servizos relacionados coas viaxes (billetes para medios de transporte, aluguer de coches, hoteis... (33,5%), roupa e material deportivo (31,7%) e entradas para espectáculos (29,8%).

Xestións coa Administración

Dous de cada tres internautas xestionaron online coa Administración no último ano, o que sitúa a Galicia a 20 puntos por riba da media estatal no uso da Administración dixital.
As xestións sanitarias, como a solicitude de cita médica ou o cambio de tarxeta, xunto coa tramitación da declaración da renda, son as xestións administrativas más frecuentes. O 72% dos galegos fixo xestións sanitarias coas administracións no último ano e o 50,4% utilizou Internet para presentar a declaración da renda.
En torno ao 13% os internautas galegos empregaron Internet para facer xestións educativas, universitarias ou non, apuntando tamén un incipiente 5% de trámites agrogandeiros realizados en liña, como a solicitude de permisos de queima ou movemento de gando.

PUBLICIDADE