Máis dun centenar de docentes universitarios reúnense na UDC nas Xornadas sobre a Ensinanza de Informática

martes, 5 de xullo do 2022 S. P.

Durante este mércores 6, xoves 7 e venres 8 de xullo, máis dun centenar de docentes e investigadores daranse cita na Facultade de Informática da Universidade da Coruña nas XXVIII Xornadas sobre a Ensinanza Universitaria da Informática, JENUI 2022, que é, segundo lembra a UDC, “o único congreso español sobre este tipo de formación tecnolóxica”.
As xornadas, que serán inauguradas o mércores 6 ás 9:30 horas polo reitor da UDC, Julio Abalde, están promovidas pola Asociación de Ensinantes Universitarios da Informática (AENUI) e organizadas polo Campus Innova e a Facultade de Informática. O comité organizador está constituído por membros do CITIC, liderados por Adriana Dapena Janeiro e José Ramón Paramá Gabía.
JENUI ten como obxectivo promover o contacto, o intercambio e a discusión de coñecementos e experiencias entre profesorado universitario de Informática e grupos de investigación, así como debater sobre o contido dos programas e os métodos pedagóxicos empregados e materializar un foro de debate no que presentar temas e enfoques innovadores orientados a mellorar a docencia da Informática nas universidades.
Na xornada previa, celebrouse no CITIC o obradoiro práctico De que falamos cando falamos de investigación en educación universitaria da Informática, a cargo do profesor da Universitat Politècnica de Catalunya David López Álvarez.
O obradoiro centrouse en como deseñar unha investigación en educación, desde o seu esbozo ata a súa publicación, para proporcionar unha metodoloxía nesta área tanto de forma xeral como da Informática en particular.

PUBLICIDADE