Máis dun centenar de profesionais xúntanse en Santiago arredor das tecnoloxías que revolucionan o mundo

martes, 10 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Os participantes no seminario nunha imaxe de Pablo Candamio (autor de todas as fotos da reportaxe)

O conselleiro de Economía e Emprego, Francisco Conde, e o director xeral da Fundación Gas Natural Fenosa, Martí Solà, inauguraron hoxe en Santiago o seminario Enerxía, Medio Ambiente e Industria 4.0, organizado pola devandita entidade enerxética (en colaboración coa Xunta) no Hotel AC Palacio do Carme. Durante a xornada, á que asistiron máis dun centenar de profesionais, avaliáronse diversos casos prácticos de aplicación da chamada Industria 4.0 no sector enerxético, no tecnolóxico e no da alimentación. Asemade, o conselleiro debullou a estratexia da Xunta ante a chegada da que sería, nas súas palabras, a cuarta revolución industrial. Nun plano máis concreto, os asistentes familiarizáronse estas tecnoloxías interactuando co robot humanoide Pepe da Fundación Gas Natural Fenosa e cunhas lentes de realidade virtual.
Entre as principais conclusións ás que se chegou no seminario figura a seguinte: dixitalizar os procesos de fabricación nas nosas empresas pode mellorar a súa produtividade e a súa xestión enerxética, e na obtención destas vantaxes xogan unha importancia decisiva o noso bo facer ante a información masiva (Big Data) e contarmos coas ferramentas axeitadas para extraerlle o miolo, a cerna. Asemade, xogará un papel crucial o feito de termos coñecementos amplos de robótica colaborativa e realidade virtual.
No evento, Marti Solà lembrou aos presentes que a presenza da Industria 4.0 é “unha realidade para as empresas que cren, entre outros beneficios, que unha mellor xestión enerxética ambiental é posíbel”. Desde a Fundación Gas Natural Fenosa, engadiu, “traballamos para xerar un debate construtivo e incrementar a cultura dixital e impulsar melloras sustentábeis no sector da enerxía”.
Pola súa banda, Francisco Conde, salientou as vantaxes que a Industria 4.0 achega ás empresas “tanto desde o punto de vista da mellora dos procesos produtivos, como da eficiencia e o servizo ao cliente”, e asegurou que aproveitar estas oportunidades non é unha opción, “senón unha obriga para gañarmos en competitividade”.
Durante a xornada tamén falou o director xeral da Fundación ESDI, Antoni Garrell, que abordou os conceptos fundamentais que definen a Industria 4.0 na nosa sociedade, resaltando que “estamos mergullados nunha revolución tecnolóxica que modificou a forma de informar, comunicar, traballar e relacionarnos”. Para Garrell, nesta nova era en que a “Intelixencia Artificial está e estará omnipresente, os procesos produtivos víronse afectados de tal maneira que xa se fala dunha cuarta revolución industrial”. Asemade, lembrou unha das principais características da Sociedade 4.0, que é a de ser ser “tecno-dependente”, un gran ecosistema “onde conviven os nativos dixitais, os conversos dixitais e as persoas analóxicas”.
Blanca Losada, directora de Enxeñaría e Innovación Tecnolóxica de Gas Natural Fenosa, mostrou como se aplican as novas tecnoloxías na Industria 4.0 no sector enerxético, no que destacou o labor da compañía. “Dende a nosa empresa están a impulsarse novas fontes de enerxía como o gas renovábel e os novos modelos de mobilidade e transporte, a partir por exemplo de novas solucións loxísticas do gas natural licuado”. Neste proceso, dixo, “búscase a optimización das tecnoloxías como a realidade virtual aumentada e créanse contornas de desenvolvemento colaborativo como é o caso do Innova Hub de Gas Natural Fenosa”.
Durante a segunda parte da xornada, expuxéronse exemplos concretos das aplicacións da Industria 4.0 en dúas empresas de sectores produtivos en Galicia como son o de alimentación e o tecnolóxico. En primeiro lugar, o xerente do Centro de Produción en Galicia da empresa de bebidas Pernod Ricard España, Víctor Rodríguez-Marqués, explicou o funcionamento da súa fábrica intelixente, amosando como a dixitalización dos procesos “permite a toma automática e en tempo real dos datos da planta de produción”. Logo, o xerente de CO2 Smart Tech, Gustavo Amann, ofreceu a visión da súa empresa, que converteu o seu software de xestión enerxética nun recurso crucial para dar resposta aos factores que afectan os consumos nas industrias. O seu obxectivo é que os datos de valor que fornecen estas ferramentas avanzadas se traduzan en aforro nas empresas e entidades, e xa contan cunha manchea de experiencias de aplicación real que así o corroboran. En palabras de Amann, o xurdir da Industria 4.0 “xorde da necesidade de aumentar produtividade, competitividade e reducir os custos operativos”. Nese sentido, o desenvolvemento das novas tecnoloxías “permiten a medianas e grandes empresas acceder a ferramentas ás que hai poucos anos só podían acceder as grandes industrias”, engadiu.

PUBLICIDADE