Máis dun terzo da poboación galega xa ten competencias dixitais avanzadas

luns, 22 de xuño do 2026 Redacción

O 37,6 % da poboación galega de entre 16 e 74 anos conta xa con competencias dixitais avanzadas, o que significa que máis dun terzo da cidadanía acadou o nivel máis elevado de capacitación dixital. Este grupo constitúe a maior parte do 61,4 % dos galegos que dispón de competencias dixitais, segundo recolle o Informe sobre as Competencias Dixitais da poboación galega 2025, elaborado polo OSIMGA.
O documento, baseado en datos do INE, indica que as competencias dixitais avanzadas aumentaron un 4,4 % no último ano. A capacitación dixital da cidadanía constitúe un dos piares da Estratexia Galicia Dixital 2030 e, entre as iniciativas impulsadas pola Xunta de Galicia, figura o Marco Galego de Competencias Dixitais, que permite acreditar coñecementos e habilidades tecnolóxicas mediante o certificado ComDix. Durante 2025, un total de 42.414 galegos obtiveron esta certificación oficial emitida pola AMTEGA.
O informe sitúa Galicia nunha posición intermedia-alta no ámbito europeo, con rexistros superiores á media da Unión Europea no indicador global de competencias dixitais. A comunidade supera nun punto porcentual a suma das competencias básicas e avanzadas e continúa reducindo a distancia coa media estatal, especialmente nos niveis máis altos de capacitación, onde a diferenza pasou de 2,9 a 1,2 puntos porcentuais.
Os datos por áreas amosan que as competencias vinculadas á comunicación e á colaboración son as máis estendidas en Galicia. O 92,8 % da poboación conta cun nivel básico ou avanzado neste ámbito, por riba da media europea.
A dimensión de información e alfabetización de datos tamén presenta resultados destacados. En 2025, o 86,5 % da poboación dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, unha cifra próxima á media estatal.
A seguridade dixital é outro dos ámbitos nos que Galicia sobresae con respecto á media europea. O 77,3 % da poboación dispón de competencias básicas ou avanzadas nesta dimensión, mentres que o 64,7 % alcanza un nivel avanzado, fronte ao 51,3 % rexistrado no conxunto de Europa.
A creación de contidos dixitais continúa sendo a área con menor implantación tanto en Galicia como no resto do Estado. En 2025, o 68,1 % dos galegos presenta competencias básicas ou avanzadas neste eido, practicamente ao mesmo nivel que a media europea (68,5 %), aínda que cunha lixeira vantaxe nas competencias avanzadas: o 46,9 % fronte ao 46,2 % europeo.