A Maker Faire Galicia 2022 virá co programa máis completo das oito edicións

mércores, 18 de maio do 2022 S. P.

Este 18 de maio presentouse oficialmente no Pazo de Raxoi de Santiago de Compostela a 8ª edición da Maker Faire Galicia, o evento de tecnoloxías abertas, participativas e argalleiras máis grande da península, que tras dous anos en formato 100% en liña debido á pandemia, retoma plenamente o seu formato presencial. Esta edición serán presentados máis de 60 proxectos e nela participarán ao redor de 200 makers. A axenda incluirá máis de 80 charlas e obradoiros, tanto en liña como en formato presencial, durante as cinco xornadas de feira.
“Esta edición”, segundo sinalou a organización, “achegará o que pode ser o mundo 5.0, que ten que ver sobre todo coa sustentabilidade do planeta e o benestar das persoas”. Así, algunhas das temáticas deste ano serán o emprendemento consciente, a saúde mental, a economía social, as tecnoloxías accesibles ou a innovación social.
Ademais dos relatores principais, como a estadounidense Gitanjali Rao (primeira nena da historia portada da revista Time), Pepe Martín (director executivo de Minimalism), Carlota Corzo (Fundadora de Lázzaro) ou o mexicano Paco Ayala (Fundador de Horto Roma Verde), xa se poden consultar na plataforma en liña do evento todas as charlas e mesas redondas que levarán a cabo durante as 5 xornadas.
Seguindo a liña de edicións anteriores, onde acudiron o coñecido David Aguilar, coas súas próteses de LEGO, ou o Premio Princesa de Girona Guillermo Martínez, co seu proxecto Axúdame 3D, a organización deu un paso máis para potenciar a figura das e dos makers como “axentes do cambio social”. Así, a axenda incluirá o que sería o primeiro hackathon de tecnoloxías de apoio en colaboración con ONCE, ASPACE Coruña e COGAMI, onde se xerarán proxectos en código aberto para resolver as necesidades das persoas diversas funcionalmente.
En canto ao resto de contidos, a organización apostou por potenciar máis que nunca a cultura maker, o que se traducirá, nas súas palabras, “en ter a maior oferta de obradoiros de todas as edicións e contar cos expositores máis interactivos”. Entre eles destacan os obradoiros relacionados coa cultura urbana como os de stencil art, mug paint, cap paint ou parkour, que estarán liderados por Vella Escola; os de ciencia e tecnoloxía, onde o equipo de VermisLAB levará a cabo os de biotech, VR (Realidade Virtual) ou electrónica; os videoxogos coa xa habitual Game Maker Jam; ou os relacionados coa inclusión, como o obradoiro de masillas de prototipado ou o de premedores adaptados.
O evento é totalmente gratuíto tanto en formato en liña, como nas xornadas de industria e educación en formato presencial, que se celebrarán as mañás dos días 2 e 3 de xuño respectivamente. As xornadas abertas dos días 4 e 5 de xuño, que se desenvolverán de 10 da mañá a 8 da tarde, terán un custo de 6 € en formato presencial, salvo para menores de 6 e maiores de 65 anos que serán gratuitas.
A 8ª edición da Maker Faire Galicia celebrarase no Museo Gaiás e vén da man de Designthinking.gal, contando co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD). Realízase coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) - Ministerio de Ciencia e Innovación.

PUBLICIDADE