Makers grandes e pequenos participaron nunha nova quedada argalleira nas Pontes

luns, 16 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

O Lar de Endesa das Pontes acolleu este sábado 14 unha nova xornada de traballo de Amigus Labs, o proxecto argalleiro e Maker da Asociación Informática Amigus. A cita desta finde centrouse en dar forma a unha das máquinas que integrará o Fab Lab da dita entidade, o pantógrafo CNC. No encontro, ao que asistiron un bo número familias, tratáronse temas coma a Industria 4.0, a democratización da fabricación, ou o movemento Maker e as súas vantaxes (economía humanizada e cooperativa). Na zona de impresión 3D do obradoiro os participantes aprenderon a deseñar e producir unha manchea de pezas, amais de afondar en distintas aplicacións de materiais e en como usalos en todo tipo de sectores. A actividade abrangueu toda a cadea de actividade: dende a montaxe de impresoras até a impresión en si mesma, onde houbo marxe para acadar as mellores calidades posíbeis.
Segundo a organización, a zona que xerou máis interese para os argalleiros foi a de montaxe do pantógrafo CNC, onde todos os participantes puideron botar unha man á hora de darlle forma e descubrir os compoñentes e materiais para fabricar un pantógrafo e ver como funciona. Houbo tempo para rematar o desenvolvemento dun aparello destas características? Segundo a organización, os asistentes estiveron a piques de conseguilo ao longo das oito horas que durou o obradoiro, cubrindo boa parte do traballo previsto e deixando para o seguinte sábado “a parte da electrónica”.
Os máis pequenos tamén tiveron o seu espazo, na zona Amigus Labs Kids, onde mediante Raspberry PIs con OS Kano puideron aprender a debuxar mediante programación, traballaron en desenvolvemento de ferramentas con Scratch ou manipularon imaxes co GIMP, ademais de usar o Minecraft e a zona retro.
Amigus agradeceu por unha banda a participación activa dos asistentes ao obradoiro, en especial a Alvaro Rey, de MakerGal, “por compartir de maneira altruísta os seus coñecementos”; e, pola outra, o apoio das seguintes entidades colaboradoras no evento: Concello das Pontes, COHEMPO, ENDESA, EuroEume, Nauta, No Ping, Nodo Dixital, Triade, Severiano Agrocomercial, Escourido Asociados, Clip Carbono, Ferretería Marcos, Lujo, Matojoma, You can school of English, Fitter, Pontesa Marmoles y granitos, Desguaces Vilabella, Óptica Carmela, Galiorient, Servicio Móvil, Areco, Panadería San José, Fotografía Fabian, Don Dino, CONPLC, IcoEume, Preludio Musical, Arprosa, Radio Eter.

PUBLICIDADE