Maldita.es achega ao alumnado do Campus de Pontevedra claves contra a infoxicación

luns, 27 de outubro do 2025 S. P.

A xornalista e educadora da Fundación Maldita.es Vivian Rangel estivo esta mañá na Facultade de Comunicación para achegar unha conferencia dirixida a achegar o alumnado a importancia de “activar o pensamento crítico” como un factor clave para evitar a proliferación de loiadas e noticias falsas.
Promovida polo profesor Alberto Dafonte, a conferencia Educación mediática, pensamento crítico e verificación contra as narrativas desinformadoras inseríase nas accións formativas do proxecto Iberifier, “un observatorio de medios europeos” que ten como obxectivo “estudar o ecosistema informativo” e que conta tamén “cunha parte moi importante de educación mediática”, explicou. Partindo de datos como que a maioría desde “público evitador de noticias” son persoas menores de 35 anos e que estas afirman informarse maioritariamente a través das redes sociais, Rangel puxo de relevo neste relatorio a necesidade dunha “estratexia multifocal” conta a desinformación.
Xornalista especializada en alfabetización mediática, Rangel salientou que o traballo dos verificadores e verificadoras inseriríase no que podería definirse como unha “estratexia reactiva”, que fai fronte ás loiadas e novas falsas e desmentíndoas. Este, recoñecía, é un labor “moi importante, pero é moi complicado que ese desmentido se comparta máis que a loiada”, o que levouna a subliñar a necesidade dunha “estratexia proactiva”, na que se insiren diferentes iniciativas de educación mediática. A idea, subliñou, é “formar á xente para que poida defenderse por si mesma contra a desinformación”, obxectivo central dun relatorio no que buscou trasladar o alumnado a importancia de “aprender a activar o pensamento e entender como é a desinformación”, así como as motivacións que poden existir tras a difusión deste tipo de contidos.
Rangel pechou esta actividade realizando co alumnado unha serie de exercicios de verificación, ao tempo que buscou tamén afondar na existencia dun “ecosistema desinformativo” na Rede que fai que “cada vez resulte máis complicado saber que é verdade e que non”. Neste punto, puxo como exemplo unha investigación realizada recentemente por Maldita.es sobre “pop fascismo”, o uso de “memes e de iconas pop” para promover “un revisionisimo histórico”, que contribúe a que as persoas vaian “normalizando” determinados contidos “e o próximo paso é que igual comezas a crer loiadas, como que Franco creou a seguridade social”.