Mañá saen á venda a Nintendo 2DS e os novos xogos de Pokémon

venres, 11 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Este sábado vai a ser un día moi importante para Nintendo en España, pois vai servir para pór oficialmente á venda os que posiblemente sexan os seus produtos estrela durante o vindeiro Nadal: a consola Nintendo 2DS e os xogos Pokémon X e Pokémon Y.
A Nintendo 2DS é unha das xogadas máis curiosas que fixo a compañía nipoa nos últimos anos, pois lanzou unha versión inferior da súa consola portátil a relativamente pouco tempo do seu lanzamento, buscando así ofrecer un prezo máis axustado e un factor de forma diferente.
A Nintendo 2DS é unha consola que sorprende inicialmente por ser a primeira integrante da familia DS que reduce a súa portabilidade ao contar cun deseño nunha peza, eliminando o tradicional formato de cuncha, á vez que decide eliminar o efecto 3D da pantalla superior da 3DS, mantendo a compatibilidade cos seus xogos, pero prescindindo da súa prestación máis rechamante.
A Nintendo 2DS ponse á venda en cores negro/azul e branco/vermello a un prezo recomendado de 129,95 euros, o que supón uns 40 euros menos que a Nintendo 3DS e 70 euros menos que a Nintendo 3DS XL, elemento que parece ser crucial para gozar de certo éxito na tempada de Nadal.
Os que non terán que agardar a Nadal para ter vendas masivas son os xogos Pokémon X e Pokémon Y¸ que supoñen a adaptación dos xogos de Pokémon á profundidade da 3DS. O xogo permitirá ao usuario elixir entre empregar un rapaz ou unha rapaza, protagonistas con aspecto personalizable que moveranse pola extensa rexión de Kalos, explorando cidades, coñecendo xente e atopando moitos Pokémon.
Neste novo xogo estrearanse os Pokémon tipo Fada, que son os primeiros tipos novos dende que os Pokémon tipo Sinistro e Aceiro chegaron hai preto de dez anos. Os movementos destes novos Pokémon destacan pola súa eficacia contra os Pokémon de tipo Dragón.
Estes novos xogos funcionarán nas consolas Nintendo 2DS, 3DS e 3DS XL, deixando fóra ás DS e DSi, o que podería axudar a incrementar aínda máis as boas vendas da familia 3DS.


Vídeo promocional dos novos xogos de Pokémon

PUBLICIDADE