Mañá remata o prazo para presentar vídeos a Youtubeir@s

mércores, 14 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

A conta atrás para participarmos no certame Youtubeiras.gal, o concurso encamiñado a encher YouTube de vídeos en galego, remata mañá, tal e como lembra hoxe unha das entidades organizadoras do concurso, o Concello de Santiago, que, xunto coas demais institucións implicadas (os servizos de Normalización Lingüística dos Concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove, as nosas tres Universidades e a Deputación da Coruña) fai así un chamamento ás creadoras e creadores que teñan entre mans unha peza para presentar, que non deixen para pasado mañá o que poden facer mañá. Segundo lembran, Youtubeiras é unha iniciativa para impulsar o talento das nosas novas directoras e directores ao tempo que se traballa pola presenza da lingua nas contornas dixitais.
Segundo sinalamos esta semana, un dos intres álxidos da presente edición do certame será a gala de entrega de premios, que vai contar cunhas mestras de cerimonias de excepción: as integrantes da compañía teatral A Panadaría. A cita será o 20 de abril no Teatro Colón da Coruña. Participarán as actrices Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman.
Os galardóns artéllanse este ano, logo da primeira edición de 2017, en cinco categorías: video-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público. A estes cinco apartados poden concorrer todas as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle.
Na edición presente haberá 5.500 euros en premios. Este repartiranse as ditas categorías, que incrementan o seu número con respecto ao ano pasado. O premio do público, chamado #propostayoutubeira, é unha das grandes novidades deste ano. Como temos sinalado dende Código Cero noutras ocasións, a través deste recoñecemento, os membros de Facebook poderán propoñer a través dun comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayotubeira.
Segundo puidemos saber, a convocatoria 2017 saldouse cunhas importantes cifras de convocatoria, con máis de 200 vídeos presentados da man de internautas de idades comprendidas entre os 17 e os 30 anos. Todas estas pezas salientaron pola súa riqueza temática, tocando temas que oscilaron entre a crítica de cine e as cuestións de actualidade, pasando por titorías con trucos e consellos no ámbito da tecnoloxía, a mecánica ou a cociña. Ademais, lográronse altos niveis de implicación por parte de diferentes asociacións e colectivos, e de persoas de idades moi diversas.

PUBLICIDADE