Manda-ti: blog de vídeos para denunciar a cacicada en calquera das súas feituras

mércores, 14 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

As novas tecnoloxías non valen só para servir de punto de reunión a unha boa manchea de delincuentes de todo o mundo (principalmente de luvas brancas: os pioriños), senón tamén para poñelos contra as cordas. Asemade, non deixa de ser curioso que nestes tempos nos que semella que se rouba e se abusa do feble máis ca nunca, se incrementen asemade as posibilidades de denunciar eses feitos (Rede 2.0 participativa, cámaras ó alcance da man, accesos á Internet, blogs, vídeos en liña). Toda esta enleada vén a conto porque Zero Vacas vén de pór en marcha un blog no que se quere aproveitar o potencial de denuncia que reside no feito de que haxa un listaxe crecente de galegos e galegas con cámaras dixitais e no móbil nas carteiras e nos petos.
O caderno chámase Manda-ti e tamén vai encamiñado a poñernos diante dos fociños algo que tiñamos un pouco esquecido: se queremos, podemos mandar e non deixar que outros manden por nós.
A chave está, unha vez máis, no emprego xeralizado da nova orde de Internet, que afianza os fíos entre aqueles cidadáns que se remexen perante a inxustiza, sexa esta da índole que sexa. De feito, o caderno abrangue xa un amplo eido de acción, e podemos ver nel documentos de erguemento popular como o vídeo da protesta veciñal en Nigrán contra o PXOM ou a marea laranxa en Cambados do 27 de maio de 2006.
En palabras do propio responsable da iniciativa, “a propaganda da imaxe é máis rendible que a palabra, e en consecuencia o vídeo participativo tense convertido xa nunha forza política de primeira orde”. Zero Vacas convida con este proxecto a tódolos integrantes da comunidade internauta galega a participar con cadanseu vídeo de denuncia, a través desta conta de correo electrónico: zerovacas@gmail.com.

PUBLICIDADE