Manuel Balseiro debulla as vantaxes para as pemes da analítica de datos nunha nova xornada de hubNet

mércores, 29 de novembro do 2023 S. P.

A analítica de datos é unha aliada de enorme interese para optimizar a xestión das pemes e micropemes en diversos eidos. Así o asegurou este mércores 29 de novembro Manuel Balseiro, director da área TIC do Grupo Alvariño, no marco da conferencia Como aplicar a intelixencia do dato par a xestión das pemes dentro do ciclo Constrúe o teu futuro na era dixital da iniciativa dixital hubNET, liderada pola Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
Balseiro repasou o contexto tecnolóxico no que se moven actualmente os emprendedores e as pequenas e medianas empresas, que “teñen que adaptarse nun período de tempo moi curto ao salto desde a era pre-dixital, marcada polos soportes documentais fixos, o traballo manual e a análise de datos sinxelos; á era actual, a da Intelixencia Artificial e a Aprendizaxe Automática, caracterizada por unha análise de datos sen precedentes, onde a tecnoloxía dispoñíbel permite predicir tendencias, personalizar as experiencias dos clientes e optimizar as operacións, achegando ás empresas que integran estas ferramentas dixitais unha vantaxe competitiva clave”.
Balseiro apuntou que a Business Intelligence (BI), o conxunto de técnicas de xestión empresarial que permiten tomar decisións a partir da recompilación e o tratamento de datos diversos, é o presente, pero pronto será o pasado, “nun escenario de futuro marcado polo Business Analytics (BA), que implica o uso de ferramentas de análises de datos (minería, estatística, modelos preditivos,…) para reducir riscos de calquera negocio axudando á toma de decisións informadas”.
Segundo dixo, “a análise dos datos permite ás empresas tomar mellores decisións, unha accesibilidade de datos para todos os negocios, a resolución efectiva de problemas, a avaliación do rendemento e a mellora das estratexias de mercadotecnia e vendas, entre outras vantaxes”.
O director da área TIC do Grupo Alvariño, advertiu, con todo, das desvantaxes que afrontan as micropemes e pemes no aproveitamento destas tecnoloxías para a mellora da súa xestión. “A principal barreira”, comentou, “pasa pola escasa dixitalización, nun contexto no que só o 17% das pequenas e medianas empresas integraron con éxito as tecnoloxías dixitais no seu negocio”. Fronte a este dato, puntualizou, “as grandes empresas na maioría dos sectores alcanzan un nivel de dixitalización do 54%”.
Doutra banda, tamén apuntou que ningún sector de actividade alcanza o 10% de uso das tecnoloxías de analítica de datos. Neste sentido, apelou á necesidade dun cambio cultural, pero tamén culpou a responsabilidade de eivas básicas como a falta de ferramentas dixitais axeitadas, de estruturas para almacenar e manter os datos, ou prexuízos como a preocupación pola xeración de ingresos, ou a crenza de que se requiren coñecementos técnicos ou ferramentas complexas. Balseiro asegurou que todas estas barreiras poden salvarse desde as pequenas e medianas empresas.
O experto explicou a importancia que ten a Intelixencia Artificial na analítica de datos, con ámbitos de aplicación como a automatización de procesos e tarefas, a predición da demanda, a personalización da experiencia do cliente, a optimización da loxística, a mellora na toma de decisións ou a mellora na calidade de produtos e servizos.
Tamén puxo exemplos prácticos baseados en casos reais de pemes que explican como aplicar a analítica de datos á toma de decisións estratéxicas, a optimización de procesos internos, a planificación, a mercadotecnia ou a mellora da comprensión de que é o que está a demandar do cliente. Así mesmo, abordou ferramentas de referencia para a analítica de datos ao alcance das empresas, como Google Analytics, Grow, Powe BI, Qlik, Sisense, Minitab, Tableau ou Alterix.