Manuel Casal prepara unha guía da Rede para os colectivos sociais e culturais da nosa terra

venres, 26 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

Manuel Casal Lodeiro, responsábel de iniciativas tan pioneiras (tecnolóxica e socialmente falando) como Fillos.org (se cadra unha das primeiras redes sociais con categoría de seu, neste caso da emigración galega), está a presentar estas días un novo proxecto de seu para dar corpo a un manual práctico para asociacións de tipo social e cultural que desexen afondar nas potencialidades do universo dixital no camiño da “transformación social”. O proxecto materializaríase a través dunha campaña de crowdfounding (colaboración en rede de pequenos pero múltiples fornecedores de financiamento) na plataforma Verkami. O manual resultante deste apoio colectivo iría destinado, curiosamente, a apoiar á colectividade.
Este recurso de ida e volta chamarase Guía de Internet para as organizacións sociais e constituirá, a todas luces, un recurso de primeira liña para axudar ás nosas comunidades a tirar o máximo proveito das redes para promoverse, informar dos seus traballos, traballar ombro con ombro con outras comunidades e, tamén, facer máis comunidade. Segundo informa Casal nunha completa reportaxe en Galicia Confidencial, o medio dixital ten múltiples potencialidades para transformar o sistema social e político. Podemos ver sinais tódolos días, coa actividade de plataformas como Change.org ou con iniciativas concretas contra determinados abusos de poder político ou empresarial, algunhas cales, rematan por conseguir os seus obxectivos grazas aos apoios recadados (millóns de sinaturas de todo o mundo, repercusión nos medios, etc). O proxecto de Casal, participativo, cooperativo e común, viría a solucionar en parte o ensarillado da ausencia actual de orzamentos: “Moitas veces os nosos colectivos non teñen orzamento para contratar un asesoramento profesional e estes erros rematan por lastrar a efectividade das súas accións online. Con esta guía pretendo orientar a todas as persoas implicadas nestas accións sociais e culturais en Internet, complementándoo cun asesoramento básico personalizado aos que opten por ese tipo de recompensa na súa achega ao proxecto", sinala.

PUBLICIDADE