Manuel González Penedo, reelixido director do CITIC da UDC

xoves, 19 de febreiro do 2026 S. P.

A Universidade da Coruña celebrou eleccións no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), no Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), e o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación en Enxeñaría Civil (CITEEC), un proceso enmarcado na aplicación dos novos Estatutos da UDC.
Tras unha xornada electoral na que houbo candidaturas únicas nos tres centros, o proceso pechouse coa proclamación provisional dos anteriores directores do CITIC, Manuel González Penedo, e do CITEEC, Fernando Martínez Abella, quen repetirán no cargo. No caso do CICA, o persoal investigador do centro apoiou a candidatura de Carlos Platas, que substituirá a Jaime Rodríguez, antecesor neste cargo.
Continuidade de Manuel González Penedo ao fronte do CITIC
No caso no CITIC, Manuel G. Penedo renova o seu nomeamento como director científico, cargo que desempeña desde 2014, contando cun gran apoio por parte de todos os sectores do centro.
Desde que comezou a súa traxectoria na dirección, Penedo enfocou o seu traballo en consolidar o centro de investigación como un referente a nivel institucional e científico. Baixo a súa dirección, o CITIC obtivo o recoñecemento como Centro de Investigación Singular da Xunta de Galicia, que actualmente mantén como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS.
Á fronte do CITIC, as súas liñas estratéxicas centráronse no impulso de políticas de captación de talento, innovación e transferencia, na creación de infraestruturas e servizos de apoio, e na organización interna dos grupos de investigación; ademais do impulso e promoción de proxectos nacionais e internacionais, como a creación da unidade asociada ao Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC), AIRExS; ou programas de colaboración co Massachusetts Institute of Technology (MIT).
Nova dirección no CICA
Trala decisión do actual director, Jaime Rodríguez, de non presentarse a esta convocatoria electoral, o CICA contou cunha soa candidatura á dirección do centro, o investigador Carlos Platas, catedrático de Química Inorgánica da UDC.
Carlos Platas Iglesias é doutor en Química pola Universidade da Coruña. Realizou estancias predoutorais nas Universidades de Coimbra (Portugal) e de Lausanne (Suíza) e posdoutorais tamén en Lausanne e a Universidade Tecnolóxica de Delft (Países Baixos), traballando na química das terras raras para aplicacións biomédicas. En 2019 foi profesor convidado en MGH-Harvard Medical School, Boston, USA, como bolseiro do prestixioso programa Fulbright.
Platas forma parte do CICA desde a súa apertura, como investigador principal do grupo IMMO-TEP, que desenvolve compostos metálicos para aplicacións biomédicas en diagnóstico por imaxe e terapia. Unha das súas contribucións máis relevantes no seu campo foi o descubrimento de MACROPA, a plataforma de referencia para radioterapia dirixida con actinio-225, que se atopa na actualidade en fase de desenvolvemento clínico. Publicou máis de 330 artigos en revistas internacionais (índice h 53).
O CITEEC reelixe a Fernando Martínez Abella
O proceso electoral do centro de investigación CITEEC resolveuse coa reelección do seu actual director científico, Fernando Martínez Abella, que obtivo un amplo respaldo por parte da comunidade do centro.
O director reelixido conta cunha ampla traxectoria académica e de xestión universitaria. Doutor pola Universitat Politècnica de Catalunya en 1993, desenvolveu a súa carreira na Universidade da Coruña, onde ocupou cargos como vicerreitor, director de Escola e director de Departamento. Catedrático desde 2003, é responsable do Grupo de Construción (gCONS) e desenvolveu unha sólida liña de investigación no ámbito da enxeñaría da construción, con especial orientación experimental e unha estreita colaboración co sector profesional, participando e coordinando numerosos proxectos competitivos e de transferencia.
Ao longo da súa carreira, impulsou infraestruturas clave como o Laboratorio de Construción do CITEEC, contribuíndo á consolidación de capacidades científicas singulares no eido da enxeñaría civil. Desde 2021 dirixe cientificamente o centro, liderando un proceso de fortalecemento que permitiu mellorar os seus indicadores e avanzar no obxectivo estratéxico de acadar a acreditación como centro de excelencia da Rede CIGUS.