Manuel Pardo lanza un convite á mocidade a participar no concurso de vídeos sobre patrimonio natural

mércores, 18 de decembro do 2024 S. P.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse ao IES Carlos Casares do concello de Viana do Bolo, acompañado do seu alcalde, Andrés Montesinos, para animar ao alumnado de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) a participar na primeira edición do concurso #ParqueVibras, organizado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Segundo lembrou o obxectivo do certame é “inspirar aos mozos a reflexionar” sobre o valor e a importancia dos 6 parques naturais de Galicia (Fragas do Eume; Complexo Dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; Monte Aloia; Baixa Limia-Serra do Xurés; O Invernadeiro; e Enciña da Lastra) a través da realización de vídeos orixinais para Instagram, TikTok ou YouTube.
O delegado territorial explicou que o concurso conta cunha páxina web propia para canalizar toda a información dispoñíbel e xestionar as inscricións dos participantes, que se poderán facer tamén a través do centro educativo. Engadiu que o prazo para poder participar (de forma individual ou en grupo) xa está aberto e ficará deste xeito até o vindeiro 3 de marzo. Os vídeos propostos deberán incluír no momento da súa publicación en calquera das tres redes sinaladas os seguintes cancelos (hashtags) obrigatorios: #ParqueVibras, #ConcursoNaturezaGalicia e #DescubreParquesGalicia.
Amais, indicou que aínda que a temática terá que estar relacionada en todo caso coa Rede de Parques Naturais de Galicia, as e os participantes terán liberdade para xestionar os contidos, que poderán incluír imaxes dalgunha ruta peonil, bailes, gráficos ou memes, entre outros elementos.
Haberá tres categorías: creatividade, viralidade e valor divulgativo. O día 22 de abril daranse a coñecer os 12 finalistas (4 para cada unha delas) e a partir de aí escolleranse os 3 vídeos premiados tendo en conta cal foi a proposta máis orixinal, a que recibiu un maior número de likes e a que contribúe a difundir mellor os valores do noso patrimonio.
O concurso finalizará cunha gala de entrega de galardóns prevista para o 24 de maio, coincidindo coa celebración do Día Europeo dos Parques Naturais, e os tres gañadores recibirán como premio unha excursión guiada a un destes espazos protexidos para todos os alumnos da súa clase.