Manuel Prol, o xenio do mundo de Apple

luns, 27 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

Tras unha traxectoria de éxito na canle de YouTube TuAppleMundo, que sumou preto de 2 millóns de subscritores, con vídeos con varios millóns de reproducións, o grovense Manuel Prol decidiu lanzarse a unha nova aventura en liña, comezando unha canle de cero baixo a marca Genius Manu (como referencia aos expertos que dan servizo aos clientes nas tendas oficiais de Apple nas chamadas Genius Bar), reforzando o carácter persoal do proxecto, mentres mantén en paralelo outra canle dedicada á realidade estendida (NEXT Manu).

– Como foron os teus inicios na creación de contido na Internet?
– Pois mira, eu era un rapaz que gustaba moito os móbiles, sobre todo, Android. Parece mentira, pero si. Non tiña moito presuposto. Empecei cun móbil Android, buscando en Internet, en YouTube, encontrei a un rapaz que estaba buscando xente para redactar nunha web nova. Era sobre Apple. Mandei o pouco currículum que tiña (con 17 anos) e empecei a escribir artigos na web.

Despois saíu o tema da canle de YouTube con vídeos sobre Apple, aplicacións... Así empezou todo.

– Que era o que facías inicialmente?
– Ao principio, como era tan espontáneo, era un pouco o que estaba nese momento de moda, por dicilo así. Xogos, aplicacións... se había unha nova actualización, falábamos da actualización, das novidades, o día a día da marca.
En principio era só YouTube. De feito non aparezo nos vídeos coa miña cara. Dábame moita vergoña saír así, e foi algo bastante oculto. Era a miña voz, gravando a pantalla, e sobre iso, falaba de xogos, de aplicacións ou de vídeo.

– E como foi ese cambio de non dar a cara a case converterte nun influencer?
– Foi cando xa tiña bastantes subscritores dixen: «O seguinte paso é xa mostrar a miña cara, que a xente me coñeza un pouquiño máis, o que fago...». Tamén empecei a saír en Instagram, que daquela estaba crecendo moito, e noutras redes sociais. Tamén en Twitter. Compartir un pouquiño máis alá do que se vía en YouTube.

– E como deches o paso cara á profesionalización?
– Todo foi pouco a pouco. Quería rematar os meus estudos, porque estaba compatibilizándoos con YouTube. O que facía eran traballar 5-6 horas na canle de YouTube e o resto do tempo estudar. Ao final rematei a carreira, rematei o mestrado, e tiven que decidir. Aí foi todo máis profesional e din o paso de facelo todo moito máis exacto, cun horario fixo, sendo máis constante coas redes sociais. Ao final foi algo moi gradual. Non foi un cambio moi radical.

– Facer negocio coa creación de contidos en liña é algo que pode facerse de moitos xeitos. Ti por onde tiras? Patrocinadores? O programa de partners de YouTube? Micromecenado?
–Hai xente que incluso ten subscricións para que os seareiros o apoien. pero a miña fonte principal sempre foi o programa de partners de YouTube. Simplemente a publicidade que sae dentro dos vídeos permite que poidamos monetizar o contido. Con que a xente poida ver gratis todo o meu contido, vendo esas partes da publicidade fai que nós poidamos manter isto como unha profesión.
Pouco a pouco tamén ían achegándose marcas que querían colaborar, por exemplo, para facer publicidade dentro dos vídeos do seu software, das súas aplicacións. Iso tamén ía complementando, pero máis que nada, no noso caso en concreto, era o 70% da publicidade que se ingresa a través de YouTube.

– E como xestionas o resto de redes sociais? Utilízalas como un xeito de potenciar a túa actividade en YouTube ou teñen entidade propia?
– Teñen entidade propia porque nós tamén intentamos dar un contido diferente. Pero a nivel de monetización as redes sociais non pagan. É algo que moita xente non sabe, pero o contido que subimos é simplemente para complementar que logo esa xente vaia traspasándose a YouTube, de algunha maneira. Que me coñeza, que se logo sae un iPhone, a través de coñecerme en Instagram, xa me busque directamente en YouTube.
Pero é verdade que cos colaboradores, coa xente que fai publicidade connosco, é unha forma de crear packs. Podemos inserir a publicidade en YouTube, pero tamén introducir ese contido en Instagram, para que a xente coñeza máis ese produto. Ao final é una forma de complementar o principal, que sería YouTube.

– E no caso de TikTok? Porque o teu non son precisamente os bailes.
– Despois da pandemia explotou. Ao comezo parecía que alí a xente só bailaba, pero agora hai contido de moito valor, con creadores que permiten que aprendamos practicamente de todo: dende dereito até calquera afección.
É unha forma de chegar a moita xente, que a través de aí me coñezan e logo poidan ver os meus vídeos, que é o importante sempre.

– Os teus contidos máis importantes son os relativos a Apple. Nese caso, que tipo de contidos son aos que dás máis importancia? Contidos de actualidade? De longa cola?
– Tento combinar un pouco todo. Tento traer o que interesa á xente. Combinar o que me gusta e o que a xente busca. Facer titoriais, que é o que máis se busca. A xente ten problemas co seu iPhone, quere buscar solucións, e aí estou eu, como unha ponte entre a xente que busca ese contido e o resultado.
Tamén tento que haxa novas como, por exemplo, os vindeiros iPhones que van saír, os vindeiros produtos da mazá... moita xente está interesada no que vai vir.
E logo, tamén, actualizacións. É algo moi popular na miña canle, porque hai moita xente que quere saber as novidades que van chegar na seguinte actualización. Por exemplo, cando sae unha novidade en WhatsApp. É bastante popular iso.

– Pensaches en abrir algunha canle máis de comunicación co público como podería ser un podcast?
– De feito, a final de mes vou estar convidado nun podcast. O podcast require bastante tempo, precisa dun equipo para iso, e coido que o tempo é limitado no día, e actualmente estou cos proxectos que teño, como unha canle para falar de realidade mixta, de realidade virtual, de realidade estendida. Creo que con iso xa practicamente non saio da casa. Non me quero imaxinar con máis contidos!

– Xa que comentas o da realidade estendida, como ves ese mercado? Non é un nicho demasiado cativo para creación de contido?
– Agora está claro que é un nicho moi pequeno, de xente moi apaixonada deste mundo, pero pouco a pouco creo que as marcas van ir lanzando novos dispositivos. É unha visión de futuro. Por iso o meu principal enfoque segue a ser Apple.
De cara ao futuro gustaríame que, se saen novos produtos de realidade mixta, poder explicarlle á xente o novo que vai saíndo. É unha forma de diversificar e compartir o que me gusta.

– Nesa liña de produtos, por onde cres que vai ir o mercado? Porque na actualidade estamos a ver un contraste entre grandes visores e produtos para vestir.
– A xente déixase levar polo deseño, sempre foi así e sempre será así. Agora mesmo hai dispositivos moi grandes, que son practicamente de realidade virtual e de realidade mixta, porque é o que a tecnoloxía pode ofrecer. Pero os dispositivos van ser cada vez máis pequenos, como aconteceu cos móbiles.
Os dispositivos tipo Ray-Ban Meta, dispositivos cunha pequena pantalla como se fosen unhas lentes como calquera outras, creo que vai ser o futuro. Podo estar errado, pero o investimento das empresas está indo por aí, así que vai ser a clave no futuro.

– Como ves o teu futuro como creador de contidos? Manténdote ligado a YouTube ou explorando outros ámbitos? Hai creadores que optan por sacar libros, dar conferencias...
– Podería facer moitas cousas, pero o importante é centrarse nunha que estea ben e que brinde a maior estabilidade posible, e actualmente YouTube non dá signos de que vaia caer. Segue a ser a miña fonte principal de ingresos e de popularidade, así que, en principio, gustaríame manterme nesta rede social.

– Como ves o feito de que YouTube actualmente non se limite ao consumo en ordenadores e móbiles, senón que incluso estea presente nos televisores competindo con Netflix?
– A xente ten o seu horario laboral, e logo conta con 5-6 horas nas que está aberta ao lecer. Aquí hai unha chea de plataformas loitando pola atención. Na miña canle o 80% do consumo é móbil, logo hai un 10% dende o televisor e outro 10% dende o ordenador. Iso si, hai moita diferenza entre o tempo que pasa a xente vendo contidos no móbil e no televisor. No televisor é o dobre ou o triplo de tempo que no móbil. Nos dispositivos móbiles o consumo é máis rápido, pero a xente é menos fiel ás canles.

– Actualmente que teléfono tes? Ves sentido aos rumores de que Apple prepara un smartphone máis delgado? Estarías interesado en mercado?
– Teño un iPhone 16 Pro Max, que é o que trae as últimas novidades, pero non llo recomendo a todo o mundo (é moi específico para persoas que comparten moito contido, sacan moitas fotos e gravan moito vídeo). No que se refire aos rumores, moitas veces son verdade, e estou convencido que o iPhone ultradelgado que din que vai sacar Apple será unha realidade. O de mercalo terei que decidilo cando saia.

Vídeo no que Manuel Prol dá conta da estrea da súa nova canle de YouTube