Manuel Rubiños, Premio Cátedra EMALCSA-UDC por un traballo sobre a aplicación da IA no consumo da auga

luns, 3 de marzo do 2025 S. P.

A alcaldesa da Coruña e presidenta do Consello de Administración de EMALCSA, Inés Rey, e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao Abad, asinaron a renovación por tres anos máis da Cátedra EMALCSA-UDC, creada en 2017 para impulsar a investigación, a transferencia de coñecemento e a formación en xestión sustentábele da auga. No acto de sinatura, que tivo lugar na Reitoría da UDC, entregouse o Premio Cátedra EMALCSA-UDC a Manuel Rubiños polas súas contribucións ao consumo da auga intelixente.
25 proxectos e tres grandes liñas de traballo
Segundo lembraron, durante os seus oito anos de traxectoria, a Cátedra EMALCSA-UDC desenvolveu 25 proxectos enmarcados en tres grandes liñas de investigación: o Plan AdO (Augas dende a Orixe), centrado na calidade das fontes de abastecemento; o Plan ECAD (Excelencia na Auga Distribuída), que analiza a calidade da auga na rede; e o programa Aqualab, destinado á dixitalización e optimización da xestión do sistema urbano de auga. En total, estes proxectos contaron coa participación de máis de 50 investigadores da UDC e cunha achega económica de EMALCSA que rondou os 700.000 euros. O novo convenio supón unha nova achega de 50.000 euros aportados pola empresa pública municipal.
Durante o acto a alcaldesa da Coruña destacou a importancia da colaboración entre as empresas públicas e a Universidade na busca da excelencia nos servizos e na ampliación dos coñecementos: “EMALCSA leva moitos anos implicándose co tecido social, deportivo e educativo desta cidade e da súa contorna, sendo un exemplo a seguir de xestión dunha empresa pública e sendo tamén un modelo de responsabilidade social, os resultados da Cátedra Emalcsa son un bo exemplo do que estou a contar”, indicou Rey.
Pola súa banda, o reitor da UDC, Ricardo Cao, subliñou a importancia da renovación desta cátedra. “A colaboración entre a universidade e EMALCSA permítenos seguir avanzando na investigación e na aplicación de tecnoloxías innovadoras para a xestión da auga, un recurso esencial para o desenvolvemento sustentábel”, sinalou.
Entrega de premios
O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica da Coruña, Juan Ignacio Borrego, o director xeral de EMALCSA, Jaime Castiñeira, e o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, presidiron o pasado venres 28 de febreiro a entrega dos IV Premios Cátedra EMALCSA-UDC. No acto estiveron presentes, así mesmo, o director da Cátedra Emalcsa-UDC, Sergio Rodríguez Roiloa, e o director de I+D+i de EMALCSA, Ricardo Vázquez Pérez. Tras a deliberación do xurado, o estudante Manuel Rubiños Trelles fíxose co galardón polo seu traballo Análise mediante técnicas de Intelixencia Artificial de perfís de consumidores de auga en vivendas. A maiores, tendo en conta a “orixinalidade e a rigorosidade” das candidaturas presentadas, outorgáronse, así mesmo, dous accésits e fíxose unha mención especial.
O obxectivo desta iniciativa é “fomentar o coñecemento e a reflexión sobre diferentes aspectos da xestión sostíbel da auga entre os estudantes ou titulados de mestrado que presentasen o seu Traballo de Fin de Máster (TFM) na Universidade da Coruña”. Tendo en conta esta premisa, fíxose entrega dos seguintes recoñecementos:
- Premio a Manuel Rubiños Trelles por Análise mediante técnicas de Intelixencia Artificial de perfís de consumidores de auga en vivendas. O tribunal valorou a “orixinalidade e a análise” realizada polo autor, destacando que permitirá “establecer predicións de consumo en sistemas de auga”. Deste xeito, tal e como se conclúe na acta, a aplicación da IA favorecerá o “aforro enerxético e a protección do medio ambiente”, un obxectivo que vai en consonancia ao marco DUSA (Desenvolvemento Urbano Sensíbel á Auga).
- Accésit a Zulma Elizabeth Villanueva Vera polo estudo Avaliación da codixestión anaeróbica de lodo da depuradora urbana (EDA) e bagazo cervexeito. Neste caso destácase a calidade da “aproximación ao aproveitamento de lodos en depuradoras, incidindo na economía circular” como vía para optimizar os recursos naturais.
- Accésit a Anxo Balado Candal por Bioloxía e ecoloxía do cangrexo invasor Procambarus clarkii no encoro de Abegondo-Cecebre. O xurado definiuna como unha investigación “transcendente sobre unha das principais ameazas á biodiversidade e á calidade do medio”, así como sobre as implicacións desta especie na calidade da auga do encoro.
-Por último, fíxose unha mención especial a Aprendendo ciencia, consumindo con conciencia: unidade didáctica competencial para o desenvolvemento sustentábel, de Sofía Gunturiz Paradela. Tras a entrega dos galardóns, os premiados e premiadas tiveron ocasión de realizar unha exposición individual das súas investigacións.