Manuel Vila visita o CPI O Cruce para verificar a aplicación do kit didáctico do Día da Muller na Ciencia
xoves, 8 de febreiro do 2024
A Xunta dotou os Polos Creativos dos centros educativos cun kit didáctico encadrado no Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se celebra este 11 de febreiro. Co fin de verificar a aplicación práctica deste material (e o seu potencial para pór en valor o papel das mulleres relevantes no eido científico e tecnolóxico), o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Educación, Manuel Vila, achegouse este xoves 8 ao Centro Público Integrado CPI O Cruce, de Cerceda, onde salientou a importancia deste tipo de actividades “que, de seguro, axudan a incentivar as vocacións científico-técnicas entre as nenas”.
Neste obxectivo tamén se enmarca a xornada de organizada estes xoves 8 polo colexio de Cerceda, onde os alumnos tiveron un encontro por vídeo-conferencia coa astrofísica Evanthia Hatzminaoglou, que traballa como investigadora no Observatorio Europeo Austral en Múnic (Alemaña).
Canto ao material didáctico enviado aos Polos Creativos, cómpre sinalar que o kit está composto por cinco actividades distintas para uso do alumnado. Trátase dun xogo, un taboleiro clásico en cartón e outro en DM, todos eles con referencia a mulleres relevantes na ciencia, un cubo máxico de 12 astrónomas destacadas e un caleidociclo con catro mulleres representativas no mundo da óptica. Este material está deseñado de xeito que os rapaces teñan que empregar material do Polo Creativo para a súa manipulación e montaxe, como impresoras ou cortadoras, entre outros.
Os Polos Creativos son espazos educativos innovadores postos en marcha no curso 2022/23 en todos os centros de Infantil, Primaria e ESO sostidos con fondos públicos, e que están dotados de equipamento especializado, para fomentar as competencias STEM (siglas ce Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) e as vocacións científico matemáticas entre os máis novos. Neles trabállase a creatividade a través da superación de retos tecnolóxicos e dixitais, a resolución de problemas ou a construción de prototipos, entre outros.