Mar Pereira adianta nas Xornadas do CPEIG as medidas a tomar pola AMTEGA en materia de eAdministración

martes, 8 de maio do 2012 Raquel Noya

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, foi a encargada de inaugurar hoxe as Xornadas sobre administración electrónica que celebra o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) en Santiago de Compostela, para analizar a situación actual da eAdministración e tratar de achegar as claves do seu futuro ao abeiro da evolución dixital que estamos a experimentar.
Pereira, que estivo acompañada polo reitor da USC, Juan Casares; a decana da Facultade, Emilia Vázquez Rozas e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, resumiu na súa intervención o conxunto de medidas que está a levar a cabo o Goberno galego a través da Axenda Dixital 2014.gal, con vistas a “avanzar cara unha Administración electrónica capaz de ofrecerlle á cidadanía e ás empresas uns servizos eficientes e próximos mediante o emprego das TIC”.
A eAdministración, tal e como Pereira lle lembrou aos alí presentes, non só é importante pola mellora da eficiencia e a redución de custes que lle supón á propia administración pública, senón tamén pola diminución de cargas administrativas tanto para a cidadanía como para as empresas.
Neste senso, a directora da AMTEGA salientou os proxectos de mellora da xestión interna que se están a levar a cabo para acadar unha Administración cen por cen telemática, e puxo como exemplo a dixitalización do DOG, que acaba de cumprir un ano de entrada en vigor e que neste tempo xa permitiu un aforro dun millón de euros.
Mar Pereira tamén fixo especial fincapé na entrada en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia o pasado mes de setembro, e indicou que dende entón xa se poden tramitar de xeito electrónico máis de 300 prodecementos administrativos, é dicir, máis do 20 % do total. Neste senso adiantou que “o obxectivo para este ano é que o 95% dos novos procedementos se poidan xestionar a través desta plataforma”.
A intervención de Mar Pereira incluíu unhas pinceladas do proxecto Kronos para acreditar dixitalmente aos empregados públicos, e do acabado de estrear portal Abert@s, que xa é o quinto do Estado en canto a contidos e que destaca por permitir a reutilización dos mesmos.
En definitiva, Pereira mostrou a aposta clara do Goberno galego polas novas tecnoloxías dende o primeiro momento, así como pola súa aplicación na Administración pública e entidades dependentes, a fin de “conseguir unha Galicia máis competitiva desde o punto de vista económico e social”, augurou.

PUBLICIDADE