Mar Pereira fai un chamamento para seguir sumando talento feminino á carreira dixital
xoves, 18 de novembro do 2021- Mar Pereira, directora de AMTEGA, nunha imaxe de arquivo
Esta
semana (até maña) arrincou en Santiago a terceira edición do
Congreso de Mulleres do Sector Público. Nel participou a directora
da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA),
Mar Pereira, quen destacou este xoves 18 a “necesidade” de atraer
talento dixital, en xeral, e feminino en particular, aos sectores
tecnolóxicos chamados a liderar a transformación da nosa economía.
Pereira
interveu no marco da mesa titulada As mulleres en sectores
masculinizados: sector TIC, enxeñarías e Forzas e Corpos de
Seguridade do Estado.
A
directora da axencia salientou as “excelentes” perspectivas de
inserción laboral nos sectores tecnolóxicos, e puxo en valor que o
emprego foi quen de medrar en máis dun 23 por cento entre 2015 e
2020 e, “de seguir a evolución actual, estes sectores crearían en
Galicia máis de 4.500 postos de traballo ata 2025”. Porén,
recoñeceu a falta de perfís profesionais femininos: “Soamente o
20 por cento dos 3.660 empregos creados no pasado quinquenio foron
mulleres.
Ademais,
dixo, “nas empresas de tecnoloxía soamente o 1% das mulleres ocupa
postos directivos fronte ao 5,8% de homes”.
Atendendo
ás funcións que desenvolven nas empresas, Pereira explicou que só
o 14,7% están dedicadas a funcións tecnolóxicas fronte ao 49,3% de
homes. E caso de funcións non especificamente tecnolóxicas dixo que
“a tendencia invértese e a presenza de mulleres (16,2%) supera aos
homes (13%)”.
Mulleres
con formación superior STEM en Galicia
Pereira
engadiu quen en Galicia a porcentaxe de tituladas nas carreiras
denominadas STEM “é moi inferior ao de titulados nas
especialidades máis tecnolóxicas (16,8% de mulleres) e nas
enxeñarías (38,5%)”. Porén, engadiu, “en Matemáticas a
proporción de tituladas é moi próxima a dos titulados e nas
ciencias naturais, as mulleres son maioría (66,1%)”. A directora
de AMTEGA tamén explicou que a inserción laboral de ambos xéneros
é moi semellante (de máis do 83% en ámbolos dous casos) e que os
salarios das mulleres superan aos dos homes cando son tituladas nas
carreiras en que son minoría (Tecnoloxías e Enxeñarías), mentres
quedan por detrás en Ciencias e Matemáticas.
“Hai
maior porcentaxe de mulleres tituladas STEM traballando nos sectores
de hostalaría, outros servizos, administración e primario”,
apuntou, engadindo que “mentres tanto, máis porcentaxe de homes
atopan acomodo laboral nas industrias xerais, no sector TIC e nas
actividades de servizos profesionais”.
Actuacións
para o fomento das vocacións STEM entre as nenas
A
directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
referiuse na súa intervención aos esforzos acometidos pola Xunta de
Galicia para fomentar as vocacións STEM entre as nenas.
Pereira
destacou tres liñas chave para captar e reter talento, aumentar o
recoñecemento social das profesións tecnolóxicas; promover o papel
de dirección e liderado destes profesionais e deseñar proxectos
atractivos profesionalmente cun elevado compoñente de impacto
económico e social
Respecto
ás actuacións en marcha referiuse, en concreto, ao Plan para a
Promoción do Talento Dixital de Galicia (DigiTalent), e a actuacións
como o programa Girl STEAM ou a elaboración do documental Mulleres
na Informática: Marxe de Erro.
DigiTalent,
dixo Pereira, identifica como ámbito de especial relevancia a loita
contra a fenda dixital de xénero, e neste senso, aposta por dar
visibilidade aos roles e referentes femininos no sector TIC e
fomentar entre as máis novas as vocacións científico-tecnolóxicas.
Tamén
destacou que no verán de 2021 desenvolveuse un ano máis o programa
Girl STEAM en colaboración coa Asociación Galega de Software Libre
(AGASOL). “Trátase dunha actividade que busca empoderar a nenas e
mozas dando unha maior visibilidade ao rol que desemprega a muller no
sector tecnolóxico”, informou salientando que a iniciativa,
adaptada ao formato dixital pola situación socio-sanitaria derivada
da COVID-19, “permitiu ás máis novas e novos achegarse, en
remoto, a seis mulleres referentes a través de conversas gravadas
nas que relataban experiencias da súa traxectoria profesional”.
Recentemente
presentouse tamén o documental Mulleres na informática: Marxe de
erro, que contribúe a reducir a fenda de xénero na nosa
comunidade, e visibiliza o papel que xogan as mulleres tecnólogas no
sector tecnolóxico, salientou Pereira, destacando que “a través
dos seus relatos, as cinco protagonistas amosan a necesidade e o
aporte de valor que supón a incorporación do talento feminino na
carreira de informática, rompendo coas ideas preconcibidas que
afastan ás máis novas de optar por estudos STEAM”. Esta
actividade enmárcase no convenio de colaboración asinado por AMTEGA
e o CPETIG.