Mar Pereira lembra que a Axenda Dixital 2020 investiu máis de 324 millóns de euros

xoves, 13 de xullo do 2017 Redacción

A xornada de estrea do Encontro Red.es que se está a celebrar na Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) no Pazo da Magdalena en Santander, poñendo o foco na cooperación en servizos e a transformación dixital, contou con presenza galega. Máis polo miúdo, a participación da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, quen fixo un repaso polos obxectivos conseguidos e por conseguir da Axenda Dixital de Galicia 2020. Segundo explicou, esta Axenda investiu máis de 324 millóns de euros, 51 deles de capital privado, entre 2015 e 2016 para contribuír ao crecemento económico e á mellora social da Comunidade aplicando as vantaxes da tecnoloxía.
Pereira tamén fixo fincapé na posta en marcha en 2012 da propia axencia AMTEGA como “instrumento estratéxico e executivo para impulsar a modernización da administración pública e o desenvolvemento económico e social de Galicia”. E engadiu: “Desde a Axencia estase a levar a cabo a a segunda estratexia dixital do actual Goberno autonómico, a Axenda Dixital de Galicia 2020 (ADG2020), baixo un modelo de cooperación e participación continua de representantes do sector empresarial, do sector TIC, das institucións públicas e da sociedade civil”.
Amais do devandito, a titular de AMTEGA destacou a importancia do sector sector TIC galego no desenvolvemento da Axenda Dixital (salientando que en 2015 o sector experimentou “o maior incremento en número de empresas dos últimos cinco anos”) e máis as vantaxes da transformación dos servizos públicos. Segundo informou, esta adaptación ao dixital dos servizos das institucións “xa acadou fitos en Galicia, como un importante incremento dos servizos online ou a posta en marcha todas as pezas do expediente xudicial electrónico”.
Respecto á conectividade, sinalou que xa Galicia “ten en marcha un Plan para levar as redes ultrarrápidas a toda a Comunidade”. E engadiu: “As primeiras actuación en marcha están dirixidas a dotas a máis de 80 polígonos industriais de redes de ata 350Mpbs e unha liñas de axudas para que empresas illadas do rural teñan acceso a internet de máis de 30 Mbps”.

PUBLICIDADE