Mar e AMTEGA completarán en 2025 a transformación dixital das lonxas e confrarías de pescadores

martes, 15 de abril do 2025 S. P.

Peixe na Lonxa de Ribeira nunha imaxe do Eixo Atlántico

A Xunta de Galicia completará este ano a modernización tecnolóxica das lonxas e confrarías de pescadores coa implantación do programa Lonxas galegas 4.0. Este proxecto, impulsado pola Consellería do Mar e AMTEG (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), permitirá unha rastrexabilidade e xestión integral da información desde a pesada ata a poxa e facturación.
Coas novas incorporacións de 2025, sumaranse 56 lonxas e 68 confrarías ao sistema de comercialización e xestión, completando así o proceso tecnolóxico.
Segundo informaron Mar e AMTEGA, desde a súa posta en marcha, Lonxas galegas 4.0 xa procesou máis de 7 millóns de notas de venda, xerando un negocio anual de 80 millóns de euros.
A Administración autonómica asinou a addenda ao convenio para consolidar este sistema, elevando o investimento total ata os 10 millóns de euros. Entre as melloras destacadas, este modelo “permite a realización de poxas en tempo real, o control continuo sobre os procesos de lonxa e unha maior eficiencia na comercialización”, explicaron, engadindo que tamén integra información sectorial relevante e facilita a transparencia nos mercados pesqueiros.
A segunda fase do proxecto contempla a incorporación de 20 novas lonxas e 32 confrarías en toda Galicia, garantindo unha cobertura total para os profesionais do mar. De xeito complementario, trabállase na evolución do portal para mellorar a visualización da oferta e optimizar os procesos de compra mediante participación remota dos compradores.
Con este avance, a Xunta reafirma o seu compromiso coa modernización do sector pesqueiro, reforzando a seguridade alimentaria, a rastrexabilidade do produto e a eficiencia na xestión comercial das lonxas galegas.