Mar financia novos equipamentos tecnolóxicos nas instalacións da Federación Galega de Confrarías
mércores, 4 de xuño do 2025
A Consellería do Mar colabora coa Federación Galega de Confrarías de Pescadores para “financiar investimentos para a mellora da competitividade, do fomento e da promoción dos pósitos galegos”. O acordo para a consecución deses obxectivos foi asinado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o presidente da Federación Galega de Confrarías, o ribeirense José Antonio Pérez Sieira.
Villares puxo en valor o traballo que desenvolve esta entidade como interlocutora e representante dun sector estratéxico para a economía galega.
O conselleiro, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, destacou que o convenio permitirá mellorar os equipamentos tecnolóxicos cos que conta na actualidade a federación.
Así, recolle a adquisición de equipos informáticos para mellorar as reunións en liña, tamén a optimización da instalación eléctrica da sede da entidade e novo mobiliario, máis ergonómico, repercutindo positivamente na seguridade laboral dos seus traballadores.
Por outra banda, tamén inclúe a dotación dunha pantalla táctil intelixente para a aula na que se realizan accións formativas dirixidas ao sector. Nesta liña, contén a realización de novas accións formativas e divulgativas destinadas ás confrarías e aos seus membros a través dun curso de informática de IntelixenciaAartificial. A finalidade e afondar nos coñecementos e posibilidades que ofrece esta tecnoloxía no ámbito da xestión dos pósitos galegos.
Alfonso Villares enmarcou este acordo “na estreita colaboración entre o Goberno galego e esta entidade sectorial” que, segundo lembrou, conta con preto de 13.000 afiliados, entre empresas e traballadores, aglutinando a todos os subsectores da pesca, destacando especialmente o marisqueo e a pesca de baixura e artesanal. O titular de Mar destacou que este diálogo e traballo conxunto entre a Administración e os profesionais é o piar no que se sustenta a xestión pesqueira na comunidade, e louvou o peso da pesca no ámbito económico e social, destacando o seu papel para garantir a soberanía alimentaria.
