Mar habilitará nos peiraos nove novos caixeiros TICpesc

mércores, 11 de abril do 2018 Redacción

A Consellería do Mar ten o obxectivo de afianzar os peiraos galegos na Administración Electrónica. Con este motivo, está a instalar nos portos uns dispositivos tecnolóxicos, os caixeiros TICpesc, cos que posibilitar o pleno acceso dos traballadores do mar ás ferramentas de comunicación e interacción dixital coas administracións (que facilitan o quefacer dos usuarios ao ceibalos de ter que desprazarase ás oficinas da Xunta para faceren as súas xestións). A día de hoxe xa están instalados 58 destes dispositivos. Porén, segundo avanzou hoxe no pleno do Parlamento a conselleira do Mar, Rosa Quintana, instalaranse nove caixeiros máis nos peiraos galegos.
A titular de Mar explicou que “esta ampliación do número de caixeiros telemáticos realízase dada a súa boa acollida” e dadas as vantaxes importantes que están a poñer en xogo, por exemplo evitando (até o de agora) case 280.000 desprazamentos dos profesionais do mar ás confrarías e ás dependencias da Administración.
Ademais, Rosa Quintana tamén avanzou que “está previsto mellorar e actualizar o software de 30 dos caixeiros xa instalados, coa finalidade de mellorar a súa operatividade”. Ademais, engadiu, “prevese instalar en determinados terminais un sistema de pesaxe para aportar funcionalidade e axilidade, permitindo que se poidan pesar os produtos da pesca e do marisqueo no mesmo momento no que se realiza o desembarque das capturas”.
A conselleira aproveitou para resaltar a importancia que ten a trazabilidade dos produtos do mar. De aí, explicou, que se considerase a necesidade de ampliar a rede de terminais para que os profesionais poidan estar atendidos as 24 horas do día dos 365 días do ano sen depender dos horarios das oficinas das confrarías, das lonxas ou doutras entidades.
Rosa Quintana fixo un balance “sumamente positivo” da evolución en materia de rastrexabilidade e comercialización dende a activación dos caixeiros TICpesc e da aplicación web pescadegalicia.gal, a través da que se pode acceder a rexistros administrativos como os dos buques, os dos permisos de explotación do marisqueo a pé ou o das descargas e primeiras vendas de produtos do mar frescos, entre outros. Deste xeito, informou que en 2017 emitíronse máis de catro millóns de notas de venda e que os documentos expedidos polo sector medraron nun 42% na última década, até acadar a cifra dos 314.000.

PUBLICIDADE