Maradona chega a un acordo de imaxe con Konami

luns, 8 de maio do 2017 Marcus Fernández

Estamos afeitos a ver como na serie de xogos Pro Evolution Soccer moitos equipos e xogadores carecían das licenzas correspondentes, de xeito que aparecían con nomes lixeiramente cambiados, pero no Pro Evolution Soccer 2017, como unha das lendas do fútbol aparecía Diego Armando Maradona sen ningún tipo de disimulo, o que levou á vella estrela do balón a denunciar publicamente que Konami estaba a empregar a súa imaxe sen permiso, anunciando que emprendería accións legais.
Dende Konami defendíanse dicindo que si tiñan os dereitos de imaxe do xogador dentro dun dos contratos de licenza en vigor (ao parecer, a través dun contrato co F.C. Barcelona), pero finalmente parece que preferiron resolver as diferenzas dun xeito amigable, aínda que os detalles do acordo son confidenciais. O que si transcendeu é que Maradona pasará a promocionar os xogos de Pro Evolution Soccer até 2020, e no que se refire á compensación polo uso da imaxe do xogador no PES 2017 Konami comprometeríase a doar unha pista de fútbol para Tandil (para fomentar o fútbol afeccionado) e contribuír á mellora do campo do Azucena Juniors.
Para o peche das negociacións a propia presidenta de Konami Digital Entertainment, Takayuki Kubo, visitou Arxentina, onde xuntouse cos avogados Matías Morla e Mauricio D’Alessandro (concretamente nas oficinas de Maradona en Puerto Madero), evitando así que Maradona levase a Konami a xuízo ante tribunais estadounidenses.

Vídeo no que podemos ver a Maradona no Pro Evolution Soccer 2017

PUBLICIDADE