Marcos Almeida (USC) analizará na EGAP o regulamento da IA no eido público
martes, 10 de decembro do 2024
A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) organizará este xoves 12 de decembro, ás 17:00 horas, a conferencia Bases para a regulación da Intelixencia Artificial no sector público, que será impartida polo profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago, Marcos Almeida Cerreda. Esta sesión encádrase no ciclo de conferencias sobre novidades lexislativas no ámbito autonómico, organizado pola Escola.
Marcos Almeida Cerreda é un dos integrantes da comisión de expertos para o desenvolvemento e uso ético da IA en Galicia, impulsada pola Xunta de Galicia, que está formada por dez persoas expertas en diferentes ámbitos, como a economía, a filosofía, a evolución humana, a tecnoloxía aplicada, a ética e normativa ou a política pública. A comisión foi creada polo Goberno galego a finais de 2023 e está presidida polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño.
A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, presentará a conferencia onde se analizará a aplicación destas tecnoloxías avanzadas e a súa incidencia na forma na que se xestionan os servizos públicos e se toman decisións. Neste sentido, avanza que “é fundamental un deseño responsábel e equitativo destas tecnoloxías que evite nesgos e exclusións e preserve os principios democráticos co obxectivo de que a IA non só sexa unha ferramenta técnica, senón tamén un medio para fortalecer a gobernanza, a participación cidadá e a consecución do interese xeral dos cidadáns”.