Marcos Almeida (USC) avogou na EGAP por unha IA pública que garanta os dereitos de todas as persoas

xoves, 12 de decembro do 2024 S. P.

O profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago Marcos Almeida Cerreda impartiu na tarde deste 12 de decembro unha conferencia na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) co título Bases para a regulación e a gobernanza da Intelixencia Artificial no sector público. Esta sesión encádrase no ciclo de conferencias sobre novidades lexislativas no ámbito autonómico, organizado pola Escola.
Marcos Almeida Cerreda é un dos integrantes da Comisión de Expertos para o Desenvolvemento e Uso Ético da Intelixencia Artificial en Galicia. Este organismo, creado pola Xunta no 2023, está formado por dez persoas expertas en diferentes ámbitos, como a economía, a filosofía, a evolución humana, a tecnoloxía aplicada, a ética e normativa ou a política pública.
A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, presentou a conferencia e destacou “a importancia de que Galicia vaia a dispoñer da primeira lei de ámbito autonómico en Europa sobre o uso da Intelixencia Artificial, unha norma que garantirá o respecto aos dereitos fundamentais das persoas e as vías de supervisión humana nos procedementos administrativos que empreguen esta tecnoloxía”.
Ademais, lembrou que os sistemas da IA xa se empregan actualmente na Administración Pública para reducir os tempos e facilitar as tramitacións por parte da cidadanía e do persoal empregado público con sistemas como a Plataforma de Automatizacións da Xunta de Galicia.
Pola súa banda, Marcos Almeida sinalou que o emprego dos sistemas intelixentes asegura unha maior eficacia e eficiencia na prestación dos servizos públicos e na tramitación dos procedementos administrativos. Ademais, apuntou que os servizos públicos ofertaránsenos de forma máis rápida e con maior calidade respecto aos estándares actuais e dunha forma personalizada.
O profesor da Universidade de Santiago tamén salientou que é preciso regular e garantir que o emprego dos sistemas da IA por parte do sector público non supoña unha mingua dos dereitos das persoas nin unha maior debilidade do Estado de Dereito no mundo dixital. Neste sentido, puxo en valor a futura lei galega que regulará o uso da IA, que implicará a creación de novos órganos no ámbito autonómico como a oficina de IA, organismo que controlará e supervisará como se implantan os proxectos da IA no sector público na nosa Comunidade.
Marcos Almeida afirmou que a IA require dunha correcta regulación, que debe ser flexíbel, dúctil e con capacidade de adecuación e adaptación, baseada en principios xurídicos que orienten, dean directrices, interactúen entre eles, sexan vinculantes e cunha base legal.
Durante a súa intervención, Marcos Almeida explicou o catálogo de principios reitores para regular o deseño, adquisición, implementación e o emprego dos sistemas de Intelixencia Artificial polas entidades do sector público a nivel nacional. Entre eles, destacou os metaprincipios de legalidade e servizo ao interese xeral, planificación, recurso aos mellores estándares e técnicas dispoñíbeis e asequíbeis, dilixencia debida, precaución e rendición de contas.
Tamén resaltou a importancia dos principios sistémicos nos que se inclúen os relativos á ordenación, actividade, control e as garantías fronte aos sistemas de Intelixencia Artificial. No eido das garantías, citou os principios de reserva de humanidade e revisión humana, seguridade e privacidade e (de) limitación dos impactos negativos.