Marcos Mata e Mar Pereira inauguran a sétima Xornada de Informática Xudicial

mércores, 4 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

As novas tecnoloxías están a introducirse no noso día como nunca imaxinamos que se introducirían. De maneira paralela, achegan vantaxes para os nosos xeitos de comunicarnos e de traballar e de producir cos que nin sequera soñabamos hai cousa de quince anos. Todo isto vaise regular só, sen axuda de ninguén? Nada máis lonxe da realidade. De feito, está cada vez máis claro que todos debemos poñer o noso gran de area para que os avances dixitais que estamos a vivir (e que viviremos) sexan seguros, legais, regulados, racionais e respectuosos cos usuarios. Nesta necesidade de facer fronte común perante os retos que nos agardan é no que están a coincidir as/os participantes da sétima Xornada de Informática Xudicial, que se celebra hoxe na Cidade da Cultura de Santiago da man (novamente) do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Precisamente Marcos Mata (presidente do colexio) e Mar Pereira (directora da axencia) foron os encargados de inaugurar este referencial encontro a primeira hora da mañá, ante a presenza duns 150 asistentes no público. No seu discurso, Marcos Mata fixo un breve pero intenso percorrido pola historia do colexio que representa (que vén de entrar na súa idade de madureza, con dez anos de andaina acabados de cumprir) e polas diferentes edicións das Xornadas de Informática Xudicial, que arrancaron en 2010 cunha arela principalmente divulgativa e que, de maneira progresiva, con cada convocatoria, foron converténdose nun ambicioso foro de análise e debate dos principais desafíos aos que nos aboca a ciberseguridade. Mata, no acto de inauguración, amais de trazar un itinerario polas cousas (moitas) que mudaron e evolucionaron ao longo destes dez anos de andaina do CPETIG, tamén tivo palabras para pararse no que por desgraza non cambiou: a falta de recoñecemento á profesión informática que presenta o colexio (en relación coas restantes enxeñerías) por parte das administracións e as entidades. “Aínda despois deste tempo”, dixo, “segue a haber unha materia pendente que resolver a día de hoxe: a total ausencia de regulación algunha sobre a prestación de servizos relacionados coa informática”. E engadiu: “Oxalá que esta sétima edición da Xornada de Informática Xudicial sexa a derradeira que se celebra nun entorno sen regulamento”.
Mar Pereira, directora da axencia autonómica AMTEGA, na apertura das sesións da edición anterior O acto de inauguración tamén contou coa presenza da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, quen tamén fixo mención dos principais retos dixitais aos que nos enfrontamos, un dos cales é o de evitar a toda costa que a Sociedade da Información achegue beneficios a unha parte da poboación, deixando de lado a restante. “Para garantir que a actual transformación dixital sexa inclusiva é preciso facilitar o acceso a novas habilidades dixitais e camiñar cara á hibridación entre o mundo humanístico e tecnolóxico”, sinalou.
Pereira tamén avaliou aspectos relativos á ciberseguridade e á privacidade, salientando “o compromiso” da Administración autonómica para adaptarse ao novo Regulamento Europeo de Protección de Datos, que entrará en vigor en maio de 2018. “Este proceso de adaptación”, apuntou, “enmárcase no Plan Director de Ciberseguridade da Xunta, co que nos últimos anos incrementáronse as capacidades de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade”. Tamén recordou que as actuacións do dito Plan fortaleceranse coa Lei de Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), arestora en proceso de elaboración, e coa “que buscamos prestar un servizo personalizado e proactivo á cidadanía”, explicou.
Volvendo ao miolo da xornada, a edición deste ano da Xornada de Informática Xudicial, convocada baixo o título Ciberseguridade, privacidade e intelixencia artificial e adoptando o nome propio de #IURISTICGAL17, está a reunir ao longo de todo o día un salientábel panel de relatoras/es expertas/os do ámbito da avogacía, a enxeñaría informática, a maxistratura e as forzas de seguridade do Estado, que “darán unha visión integral da ciberseguridade e da revolución que supón a intelixencia artificial na aplicación da lei”.
Nun plano máis detallado, farase fincapé en cuestións innovadoras como a condución autónoma ou as fábricas plenamente automatizadas, e en como estes escenarios están a ser percibidos pola sociedade dun xeito ambivalente, á vez como oportunidade e como ameaza, “especialmente pola inevitábel destrución de postos de traballo que serán copados progresivamente por robots intelixentes”. En palabras da organización da xornada, esta “complexa realidade abre numerosas esixencias no eido do dereito, de xeito que os profesionais da xustiza están obrigados a coñecer, interpretar e aplicar estas tecnoloxías para dar unha resposta acorde aos crecentes requirimentos”.

PUBLICIDADE