María José Ginzo (CITMAga), galardoada co Premio á Mellor Tese en Humanidades Dixitais
luns, 27 de xaneiro do 2025
María José Ginzo Villamayor, profesora da Facultade de Matemáticas da USC e membro de CITMAga, vén de ser recoñecida co III Premio á Mellor Tese Doutoral en Humanidades Dixitais da Sociedade Internacional de Humanidades Dixitais Hispánicas (HDH) e a Fundación BBVA, cuxa cerimonia de entrega celebrouse o pasado xoves. O obxectivo do seu traballo foi avaliar a distribución xeográfica dos apelidos para estudar os movementos da poboación, centrándose en Galicia e ampliando a análise a outros territorios estatais.
María José Ginzo desenvolveu na súa tese ferramentas estatísticas avanzadas e técnicas dixitais innovadoras para examinar máis de 160.000 apelidos e representou as súas conclusións en diversos mapas e gráficas, unhas conclusións antes ocultas nos datos dos apelidos e que ademais foron validadas polo Instituto da Lingua Galega.
Na cerimonia de entrega, a directora de Relacións Institucionais da Fundación BBVA, Silvia Churruca, manifestou que “a diferenza do coñecemento básico, a tecnoloxía non é un fin en se mesmo, pero é un factor que non só facilita senón que amplifica exponencialmente o potencial de calquera das áreas nas que se aplica. Esa capacidade transformadora obsérvase dunha maneira destacada no campo de coñecemento que é obxecto deste premio”.
Pola súa banda, a presidenta da HDH, Fátima Díez Platas, destacou que o premio “pon de relevo o carácter innovador dos saberes humanísticos coas metodoloxías dixitais e as ferramentas tecnolóxicas para abordar cuestión relevantes no ámbito científico e para a súa aplicación na nosa sociedade contemporánea”. Engadiu que “o saber humanístico, auxiliado e transformado polas capacidades crecentes da tecnoloxía e as posibilidades do entorno dixital, adquire, así, novos sentidos e atopa unha vía para producir un impacto real na sociedade e contribuír a algo que nos atinxe especialmente: comprender e interpretar o que comezamos a chamar a paisaxe humana”.
O traballo de María José Ginzo ten como obxectivo construír contornas xeográficas de apelidos en Galicia e analizar os patróns espaciais e espacio-temporais que rexen a súa distribución, ampliando certas partes desta análise onomástica a outras comunidades de España. A investigación galardoada, segundo indicou a acta do xurado no momento do fallo do premio, “combina o manexo dun gran volume de datos de diversos territorios de España coa visualización cartográfica”.
A tese analiza os datos dos máis de 160.000 apelidos das case 40 millóns de persoas nadas en España e nalgún dos seus municipios en 2011. Como destacou Ginzo na conferencia pronunciada tras a entrega do premio, “é crucial utilizar ferramentas estatísticas adecuadas que permitan analizar as distribucións, patróns e tendencias espaciais e temporais dos apelidos coa fin de comprender mellor a súa evolución e a súa relación con distintos contextos sociais e culturais ao longo do tempo”.