María José Ginzo recibe o premio ao mellor artigo no IX Seminario Internacional de Estatística con R

mércores, 11 de xuño do 2025 S. P.

A profesora María José Ginzo Villamayor, do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da Universidade de Santiago, foi galardoada co premio ao mellor artigo completo no IX Seminario Internacional de Estatística con R que tivo lugar a finais de maio no Brasil, organizado pola Universidade Federal Fluminense.
O traballo premiado, titulado Application of Record Linkage Techniques for Road Infrastructure Data Integration: A Study Using R and Real Data e presentado na modalidade de comunicación oral, afonda no uso de técnicas de record linkage para integrar datos reais de infraestruturas viarias mediante o software R, linguaxe de programación especializada na análise estatística e a visualización de datos, amplamente empregada na comunidade científica internacional.
Ademais da súa destacada traxectoria investigadora, María José Ginzo Villamayor é presidenta da Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSa), desde onde organiza, en colaboración coa Facultade de Matemáticas, a Xornada de Usuarios de R en Galicia desde o ano 2015. Este evento é un referente na comunidade galega de análise de datos e busca promover o uso e a divulgación do software R no ámbito académico, profesional e empresarial.
En palabras da USC, “este recoñecemento internacional pon en valor o labor investigador e divulgador da profesora Ginzo Villamayor, así como o papel relevante que Galicia está a xogar na promoción do software libre e da ciencia aberta no eido da estatística e da análise de datos”.