María Pita DefCon abre rexistro de asistentes e confirma unha manchea de relatores

xoves, 23 de febreiro do 2017 Fernando Sarasketa

Xa vai quedando pouco para o comezo, a partir do 6 de marzo na FIC da Coruña, do congreso María Pita DefCon, unha cita sobre novas tecnoloxías moi envorcada nas temáticas da seguridade e da fenda de xénero e na que se prevé a participación de máis de medio milleiro de persoas. Segundo informa a organización, logo da apertura dos rexistros para participarmos como colaboradores, voluntarios e relatores, agora habilitouse a canle para inscribir aos asistentes en xeral. Lembrar que o xermolo de María Pita DefCon está na necesidade de seguir debatendo e intercambiando coñecemento avanzado, dende a nosa terra, sobre xeitos de garantir as mellores condicións para os datos e as comunicacións no dixital.
Entre os relatores confirmados atópanse Pedro Sánchez Cordero (Deloitte CyberSOC), Pablo González e Yaiza Rubio (ambos de ElevenPaths), Miriam Martínez (investigadora e docente da UAH), Luis Jurado (Perseus & RC Abogados), Alfonso Muñoz (Criptored), Miguel Hernández (i4s), Lilian Adkinson e Pablo Dago (ambos do Centro Tecnolóxico Gradiant), Lorenzo Martínez (Securízame), Víctor Salgado (Pintos & Salgado Abogados), David Marugán (Acuntia), José Mato (Mobgen Accenture Digital), Kenneth Peiruza (PUE), Pablo Mariño (FIC), Alberto Maroto (FIC), Enrique Andrade (FIC), David Méndez (FIC), Diego Hermida (FIC), Francisco Nóvoa (Grupo Academia Postal), Uxío Fuentefría (Vippter), Pilar Vila (Forensic & Security), Jacobo Rodríguez (Mobgen) e Fernando Villar (formador TIC).
Detrás deste evento, na organización, atópase un grupo de seareiros do hacking ético: David Albela, Uxío Fuentefría Oróns, Juan José González Cid, Raúl Oróns, Alejo Pacín Jul, Jesús Pérez Rubio, Raúl Fernando Rodríguez Rubio, Daniel Somoza, Fernando Suárez Lorenzo, José Manuel Vázquez Naya e María Pilar Vila Avendaño. Ademais o equipo impulsor deste importante evento compleméntase coa Facultade de Informática da Universidade da Coruña, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e Rnasa Imedir, así como de múltiples entidades (públicas e privadas) do mundo TIC.
A cita desenvolverase entre o 6 e o 12 de marzo de 2017. O obxectivo, en palabras dos seus responsábeis, é dar forma ao “evento máis importante a nivel galego sobre seguridade informática e reivindicación da muller no plano tecnolóxico”. O programa artellarase nun cumprido feixe de charlas, mesas redondas, obradoiros e concursos ao longo de toda unha semana.

PUBLICIDADE