María Rivas anima ás pemes de Cee a solicitar o bono estatal de dixitalización de 6.000 euros

mércores, 14 de setembro do 2022 S. P.

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, reuniuse este 14 de setembro en Cee con pequenos empresarios e empresarias e con persoas autónomas para presentar a segunda convocatoria de axudas do programa Kit Dixital do Goberno. A subdelegada instou a todas as firmas locais de entre 3 e 9 traballadores a “aproveitar a oportunidade do Plan de Recuperación” e “solicitar xa o bono de dixitalización de 6.000 euros”.
Segundo dixo, o prazo de presentación de solicitudes iniciouse o día 2 a través da sede electrónica da entidade público-empresarial Red.es, do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e estará aberto durante 12 meses. “O Plan de Recuperación abre unha oportunidade única para dixitalizar os pequenos e negocios e facelos máis competitivos”, valorou a subdelegada, engadindo que esta segunda convocatoria conta cun orzamento inicial de 500 millóns de euros e ten por finalidade a mellora da competitividade e do nivel de madurez dixital de empresas deste segmento (3-9 traballadores).
Como informou a subdelegada, a contía da axuda será de 6.000€ e con ela as pequenas e medianas empresas poderán adquirir as solucións de dixitalización para áreas chave como: sitio web e presenza en Internet, xestión de redes sociais, comercio electrónico; a xestión de clientes; servizos e ferramentas de oficina virtual, intelixencia empresarial e analítica, xestión de procesos, factura electrónica, comunicacións seguras e ciberseguridade. Ademais, nesta segunda convocatoria, engádense dúas novas categorías como son presenza avanzada en Internet e mercados en liña (marketplaces).
María Rivas mostrou o seu convencemento en que esta segunda fase de axudas á dixitalización de pemes “será tan positiva como a primeira porque as empresas coruñesas están a desenvolver moi ben o seu traballo e teñen ganas de mellorar tecnoloxicamente e avanzar na súa dixitalización”.
E engadiu: “E moi importante que as pemes da provincia, de Cee e da súa contorna non deixen pasar esta oportunidade que lles brinda o Goberno para mellorar na súa competitividade e eficiencia”.
A primeira convocatoria de axudas do Kit Dixital dirixiuse ás empresas de entre 10 e 50 traballadores, que aínda poden solicitar o seu bono de 12.000 euros até este 15 de setembro.
O programa Kit Dixital completarase cunha terceira fase dedicada as empresas máis pequenas, as micropemes que ou ben non teñen traballadores ou teñen como máximo 3. Estas poderán optar a un bono de 2.000 euros na próxima convocatoria que o Goberno abrirá despois do verán.

PUBLICIDADE