María Rivas anuncia en Cerceda investimentos para ampliar a conectividade 5G en 51 pequenos concellos da provincia
xoves, 20 de marzo do 2025
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, anunciou este 20 de marzo en Cerceda un investimento de 9,3 millóns de euros para ampliar a conectividade 5G en 51 concellos de menos de 10.000 habitantes da provincia. Fíxoo durante unha visita ao municipio cercedán, onde foi recibida polo alcalde, Juan Manuel Rodríguez, con quen repasou os investimentos do Goberno na localidade, que superan os 25 millóns de euros, e na que tamén aproveitou para asinar no Libro de Honra do Concello.
Como explicou a subdelegada, este investimento mobilizarase a través das axudas do programa ÚNICO 5G e chegarán a máis de 35.000 galegos e galegas, 13.000 deles na provincia da Coruña, e o concello de Cerceda é un dos beneficiarios.
“É unha medida destinada a concellos de menos de 10.000 habitantes, que están no centro de moitas das políticas que desenvolve este Goberno, co obxectivo de dotar ao rural de infraestruturas fundamentais para o seu día a día”, argumentou Rivas, que puxo a Cerceda como exemplo do compromiso do Goberno por dotar ao rural “de máis e mellores servizos, pero tamén novas oportunidades para fixar poboación”.
E engadiu: “Queremos un rural vivo; que a xente do rural poida vivir nel e atraer nova poboación, e para iso fan falta medidas decididas como as que está a tomar o Goberno, que a finais deste ano conta con dotar a todo o territorio de conexión a internet de alta velocidade. O reto demográfico é un reto de país e a transformación dixital xoga un papel crucial. Pór esta tecnoloxía ao alcance de todos é unha forma de construír unha sociedade máis xusta e adaptada ao progreso”, apuntou.
A subdelegada e o rexedor tamén deron a benvida ao Concello dunha iniciativa para impulsar o uso das ferramentas da Administración Electrónica entre a cidadanía: A Administración Preto de Ti, programa que consta de sesións informativas prácticas impartidas por persoal da Subdelegación do Goberno, previamente formado. O seu obxectivo, sinalou Rivas, “é simplificar as relacións coa Administración grazas á obtención do certificado dixital, que é a chave que permite realizar de forma telemática máis do 90% das xestións e das comunicacións coa Administración Xeral do Estado”, desde trámites básicos como as prestacións, o pago de impostos, permisos de condución, abono de taxas públicas, solicitudes de axudas ao estudo ou certificados de vida laboral, ata a solicitude de subvencións, que en moitos dos casos só pódense xestionar de maneira telemática.
Maria Rivas lembrou que, na súa primeira edición, A Administración Preto de Ti percorreu 8.728 quilómetros e chegou a 63 dos 67 concellos con menos de 8.000 habitantes da provincia, nos que se expediron 981 certificados dixitais. Nesta segunda fase, o programa xa chegou a localidades como Miño, Vimianzo ou Carnota. A día de hoxe están apuntados 41 dos 67 pequenos concellos da provincia, que colaboran coa Subdelegación do Goberno na Coruña cedendo os espazos nos que se desenvolve esta iniciativa.
Rivas fixo un chamamento aos concellos da provincia de menos de 8.000 habitantes a que “non deixen pasar esta oportunidade para mellorar a atención aos seus veciños e veciñas e se adhiran ao protocolo asinado entre a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática que posibilita o desenvolvemento deste programa”.