María Rivas avoga por redobrar esforzos para despexar Internet de nesgos de xénero
luns, 27 de maio do 2024
Este sábado 25 de maio celebrouse no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) o III Congreso A saúde das nenas e das mozas organizado pola asociación A Ciencia é Feminino. Participaron, entre outras, María Rivas, subdelegada do Goberno na Coruña, que manifestou a súa preocupación polo impacto da violencia de xénero sobre as nenas e mozas a través do ámbito dixital. Tamén interveu a directora xeral de Igualdade da Xunta, María Quintiana, que destacou o benestar emocional e a educación en igualdade como eixos claves para impulsar o futuro das nenas e mozas.
Na súa intervención, María Rivas, fixo referencia aos datos do informe sobre A situación da violencia contra as mulleres na adolescencia da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, resaltando que tanto na respostas recollidas en canto á autoestima como nas referentes á saúde física, as mozas de todas as franxas educativas (ESO, Bacharelato e FP) os datos son peores para elas que para eles: “Algo está pasando coa saúde física e psicolóxica das nenas e as mozas, cando parece que elas se perciben dun xeito menos saudable que os seus compañeiros”.
Así indicou que é necesario falar da saúde das nenas e as mozas entendendo os cambios socias aos que estamos asistindo (novas estruturas familiares; maior individualismo e competitividade; Internet, a Intelixencia Artificial e as redes sociais; os desprazamentos da poboación cara núcleos cada vez máis poboados, as migración), pois “están impactando de xeito evidente na súa saúde”.
A subdelegada manifestou a súa preocupación polo impacto da violencia de xénero sobre as nenas e mozas a través do ámbito dixital, indicando que utiliza novos medios pero que sigue os mesmo patróns de sempre, tales como acosar, humillar, controlar, coaccionar... neste ámbito as vulnerabilidades das nenas e mozas vense acrecentadas, “polo que hai que traballar tamén no ámbito dixital, da Intelixencia Artificial e do ciberespazo con perspectiva de xénero, creando as ferramentas que eviten os nesgos de xénero máis que videntes nos contidos dixitais, e favorecendo a protección das menores”.
Tamén puxo o foco nos recursos de atención á nenez e adolescencia, no eido da saúde mental a través da Estratexia de Saúde Mental do Ministerio de Sanidade, así como da prevención e concienciación a través de ferramentas como o Plan Director de Convivencia Escolar, que incide na formación da comunidade educativa en relación co uso de substancias, as adiccións, a violencia machista, o manexo das redes socias e todas as violencias que poden vérselle asociadas (bulling, sexting..).
Finalizou a súa intervención facendo un chamamento a reivindicar ás pioneiras, a esa mulleres que inician a exploración de novos campos, porque “son tempos de conquistar espazos, todos eses espazos que durante décadas estiveron vetados, nos que as mulleres non puidemos materializar os nosos soños”.