María Rivas debulla as vantaxes para a cidadanía que pon en xogo a app do Catastro
mércores, 3 de abril do 2024
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, deu a coñecer esta mañá na Coruña a nova aplicación móbil que o Executivo central vén de poñer en marcha para facilitar á cidadanía as xestións coa Administración, Catastro_app. Fíxoo nunha visita á Xerencia Territorial do Catastro na Coruña, na que foi recibida pola súa xerente, Victoria Fernández Estevan; o xerente adxunto, Isidoro Miguel Pérez e a xefa da oficina de atención ao público, Ana Isabel Casquero, entre outras.
No acto, a subdelegada destacou que a nova app do Catastro “é unha ferramenta áxil e de doado acceso que permite ter na palma da man, para uso persoal, a información dos bens inmóbeis de cada quen e manterse ao tanto de calquera modificación que lles poda afectar”. Nesta liña, apuntou que a nova aplicación “é un exemplo máis da transformación dixital pola que está a apostar este Goberno”, que, con iniciativas como Mi carpeta Ciudadana ou esta nova aplicación do Catastro, financiadas con cargo ao Plan de Recuperación, “está a brindar novos servizos móbiles de calidade para os principais servizos públicos e a colocar de unha vez á Administración no século XXI”.
Segundo engadiu, Catastro_app permite “reunir e personalizar en cada dispositivo móbil información dos inmobles urbanos e rústicos dos que sexa titular”. Para acceder á mesma será necesaria a identificación a través dos diversos sistemas establecidos como Cl@ve PIN, Cl@ve permanente, o certificado electrónico ou, en caso de non dispoñer de credencial electrónica, introducindo o DNI ou NIE e a referencia catastral do inmoble da súa titularidade.
Entre as funcionalidades da nova aplicación está o sistema de avisos, que alerta de calquera alteración catastral das nosas fincas; a visualización dos mesmos a través de mapas interactivos ou a localización GPS das parcelas, á que se poden engadir fotografías, esbozos, anotacións ou debuxar sobre elas. Esta información poderase descargar en formato PDF no móbil e será unicamente para uso persoal, sinalou Rivas.
María Rivas celebrou a boa acollida que están a ter a aplicación, con máis de 70.000 descargas no seu primeiro mes de vida, e o sistema de avisos, con preto de 45.000 subscricións e máis de 2.500 avisos xerados, ao tempo que recoñeceu o traballo desenvolvido na oficina física da Coruña, que o pasado ano atendeu un total de 11.057 consultas (1.683 delas telefónicas) e emitiu 4.111 certificacións, ás que hai que sumar as 343.877 emitidas desde a sede electrónica.