María Rivas di que A Administración Preto de Ti favorece a autonomía dixital da cidadanía

luns, 17 de febreiro do 2025 S. P.

O programa itinerante A Administración Preto de Ti, que busca un novo xeito de relación administrativa coa cidadanía moi baseada nas novas ferramentas electrónicas, foi o protagonista da xuntanza de traballo celebrada en Lugo este luns 17 de febreiro na Coruña, na que se abordaron as posibilidades de mellorar e ampliar a carteira de servizos que ofrece a iniciativa e na que se puxo de manifesto o seu potencial para favorecer a autonomía dixital dos habitantes da provincia.
No xeira de traballo participaron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, a directora do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) na provincia, Estefanía Pita; a directora provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), Eva Fernández; o seu homólogo na Tesourería, Miguel Platas; Adrián Pedreira, subxefe provincial de Tráfico, e persoal da Subdelegación do Goberno.
A subdelegada apuntou que nas visitas do programa itinerante aos concellos galegos, ademais de facilitar a expedición do certificado dixital, que serve de chave a todas as plataformas da Administración central, o persoal informa dos diferentes procesos aos que dá acceso e presta asistencia e apoio técnico para tramitar os procedementos que as persoas asistentes precisen nas propias sesións.
Maria Rivas lembrou que, na súa primeira edición, A Administración Preto de Ti percorreu 8.728 quilómetros e chegou a 63 dos 67 concellos que hai na provincia con menos de 8.000 habitantes (os destinatarios desta iniciativa), nos que se expediron un total de 981 certificados dixitais.
Nesta segunda fase, o programa xa chegou a localidades como Miño e Vilarmaior e está previsto que este mesmo mes visite tamén os concellos de Vimianzo e Carnota. En total están apuntados 32 dos 67 pequenos concellos da provincia da Coruña, que colaboran coa Subdelegación do Goberno na Coruña cedendo os espazos nos que se desenvolve esta iniciativa. María Rivas fixo fincapé na importancia deste programa, que “promove a igualdade de oportunidades entre a cidadanía de zonas urbanas e rurais e reforza a presenza do Estado no territorio, en particular, nos municipios menos poboados”.
O programa consta de sesións informativas prácticas impartidas por persoal da Subdelegación do Goberno na Coruña, previamente formado, e, como novidade nesta edición, tamén doutras unidades, como o SEPE, a Dirección Xeral de Tráfico e a Seguridade Social. Nestas sesións tamén se tramita ás persoas asistentes o Certificado Dixital da FMNT e se lles ensina a instalalo nos dispositivos móbiles para o seu uso nas relacións dixitais coa Administración.
Actualmente, a Administración Xeral do Estado ofrece a posibilidade de realizar de forma dixital máis do 90% das xestións e das comunicacións cos seus departamentos, desde trámites básicos como as prestacións, o pago de impostos, permisos de condución, aboamento de taxas públicas, solicitudes de axudas ao estudo ou certificados de vida laboral, ata a solicitude de subvencións, que en moitos casos só se pode xestionar de xeito telemático.
Como novidade nesta edición, tamén está previsto estender o programa a outros colectivos e avanzar así no achegamento da Administración a colectivos como comerciantes, autónomos, estudantes, persoas en risco de exclusión social, sindicatos, centros xerontolóxicos ou colectivos agrarios, entre outros.